Bo Nadal!

Non queremos deixar pasar a ocasión de felicitarvos as Festas do Nadal coa ilustración do voso profesor Eduardo Baamonde.

Libros electrónicos para o Nadal


Hoxe chegaron os Reis Magos por adiantado para traernos os libros electrónicos que estreará o noso grupo de club de lectura pioneiro, o que está agora en 1º de bacharelato. Estrearémolos coa lectura do seguinte trimestre: Flor de Area de Manuel Lourenzo González. Esperamos que esta nova andaina en soporte dixital sexa un incentivo máis para os nosos lectores.

"Invictus", NELSON MANDELA.


 Nelson Mandela recitaba en prisión este poema de William Ernest Henley  para conseguir os azos suficientes para continuar:

INVICTUS

Fóra da noite que me cobre,
Negra como abismo de polo a polo, 
Dou grazas ó deus que for 
Pola miña alma inconquistable

Nas feroces poutas da circunstancia
Nin xemín nin berrei
Baixo os golpes do azar
A miña cabeza sangra, pero non se inclina

Máis alá deste lugar de ira e bágoas
É inminente o Horror da sombra,
E porén a ameaza dos anos
         Atópame e atoparame sen medo.




Non importa o estreita que sexa a porta
Nin o cargada de castigos a sentenza
Son o amo do meu destino
Son o capitán da miña alma






Xuntanzas dos grupos do Club.

Estes son os nosos clubeiros do grupo de 1º de ESO, os que comezan este ano a súa andaina no Club. Están a ler: Tanis I, o Mocos de Manuel Lourenzo González.


Nestoutra foto, temos o grupo de 1º de BACH, o que xa leva cinco anos con este formando parte do Club de lectura. Son o noso orgullo, e con eles xa limos A asasina de Alexandros Papadiamantis. Tamén serán pioneiros no emprego dos nosos libros electrónicos, cos cales relizarán a súa seguinte lectura: Flor de Area de Manuel Lourenzo González.


"Ouro Negro" no noso club.


A xuntanza para comentar "Ouro Negro", o pasado xoves, coincidiu coa publicación da sentenza do Prestige, de aí que non foi nada difícil relacionar e tratar unha das súas temáticas fundamentais, xunto coas actuacións da xustiza. 

As aventuras da nosa inspectora para descubrir os secuestradores dos seus fillos e os delitos que se agochan tras este secuestro conduciron os nosos lectores até un desenlace, que os deixou expectantes.

"Bottle"


Unha historia de amor imposible.

Comentamos "A asasina"

"A matanza dos inocentes"
(Catedral de Mondoñedo)
"Pero, pregúntovos teñen que nacer realmente tantas nenas? E se nacen, paga a pena crialas? Non é certo, dicía Frangoianis, que "Onde hai morte, non hai mala sorte?""

Esta é unha das frases que aparecen na novela A asasina de Alexandro Papadiamandis, na que a través do narratario e coas palabras literais da súa protagonista, Khadula, se expoñen os móbiles que levan a esta muller a cometer varios infanticidios femininos.

Movémonos nun  privilexiado espazo, a  pequena illa grega de Skiatos, nun tempo moi mísero durante o século XIX, onde a condición feminina está ligada fundamentalmente ó dote, que empobrece aínda máis as míseras familias. A emigración, o alcolismo e  a violencia aparecen reflectidos nos personaxes masculinos e o dote, o aborto, o remorso e a expiación da culpa serán os temas que van debullando as personaxes femininas, representadas por Khadula.

Como contrapunto traemos aquí a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, feminista ferrolá que no ano 1933 asasina a súa filla Hildegart





"A miña filla Hildegart" é  unha película dirixda por Fernando Fernán Gómez, baseada nesta asasina galega.

"French Roast"



O personaxe da nosa curta da fin de semana ten problemas para pagar a conta na  cafetería. Se tes uns minutiños divertiraste coas aventuras que lle ocorreran ó protagonista desta animación. 

Se precisas máis información: http://www.frenchroast.fr/fyc.html

"Tanis I, o Mocos"


"O día do nacemento do prícipe Estanislao sería lembrado para sempre con letras destacadas nos anais do antigo e poderoso reino de Sofrovia debido á potencia dos berros que emitiu en canto viu a primeira luz. Era só o anticipo da xuvventude intensa, apaixonada e rebelde do que anos despois acabaría sendo o rei Tanis I, o Mocos" 

Así comeza Estanislao, príncipe de Sofrovia de Manuel Lourenzo González. Con este libro coménzanse as aventuras deste personaxe que máis tarde se convertirá no rei Tanis I, o Mocos

O noso grupo do Club de 1º da ESO iniciará a súa andaina como clubeiros coa lectura  desta obra.  Achegarémonos a este singular personaxe e a súa irreverente personalidade.

Hoxe principiamos con "Ouro Negro"

 
Hoxe comezamos a lectura de Ouro Negro co grupo de 2º da ESO. Este libro ofrécenos a posibilidade de seguir a desfrutar das aventuras da inspectora Nola e  o seu axudante, o can Lolo, que tanto nos cativaron o ano pasado na súa primeira entrega, Mortos de Ningures.

Esperamos contar coa visita dun dos seus autores, e xa que o ano pasado tivemos con nós a Pere Tobaruela, este ano a nosa idea é invitar a Ledicia Costas para que os nosos clubeiros poidan compartir unha xuntanza con ela.

Non nos esquecemos tampouco do moito que nos gustan as ilustracións de Andrés Meixide, que acompañan este coma o anterior libro da nosa querida inspectora.

"Ana e Bruno"

Mañá comezamos "A asasina"

   Mañá comezamos as xuntanzas do club co noso grupo pioneiro, o noso alumnado lector que hoxe está 1º de bacharelato. O libro escollido para este trimestre é unha tradución dun autor grego, ALEXANDROS PAPADIAMANDIS, da editorial Hugin e Munin
  
   O nacemento desta editorial é tamén unha moi boa noticia para a nosa lingua, porque se suma ás xa existentes para poder ofrecernos a oferta en traducións que precisamos, a día de hoxe, nunha lingua, que aínda sendo minoritaria, non quere perder o seu lugar no mundo. 
   
A novela introdúcenos nun tema tan espiñento como é o do asasinato. Tentaremos na nosa primeira reunión analizar un pouco esta temática desde a perspectiva que nos propón o autor, é dicir, desde dentro, ó tratarse dunha novela psicolóxica e non dunha novela negra como puidera pensarse inicialmente se nos fiásemos só do seu título. 
    
Daquela a nosa proposta para a xuntanza de mañá será visionar o documental : "El juego de la muerte" para tratar de achegarnos cunhas primeiras pinceladas a este tema.

OINK!, a revista do Xabarín Club.


Temos que celebrar que este setembro acaba de nacer OINK!, a revista do Xabarín Club. Aquí nos explican en que consiste este proxecto, que desexamos ter xa nas mans, canto antes, na nosa biblioteca.

Kiko da Silva, un dos seus autores, prométenos novas aventuras de Fiz, o neno máis porco do mundo, nas súas páxinas e unha sección titulada Aprende a debuxar Cómics con Fiz. 

"O meu amigo o robot"


Seguimos coas curtas francesas para tentar despreguizarnos e iniciar o curso con ánimos renovados.

"Os difuntos falaban castelao"




Curtametraxe baseada nun conto d'Á lus do candil de Ánxel Fole.

"O principiño" en 4D



Aínda non tendo moi claro que é iso da cuarta dimensión, creo que nalgún momento algún aventaxado profesor de matemáticas mo tentou explicar, déixovos aquí unha achega máis ó fabuloso libro de Saint Exupéry, que morreu tal día coma onte hai 69 anos.

O boneco de MICHELÍN.


O boneco de Michelín é unha das imaxes icónicas do mundo da publicidade máis antigas. Naceu en 1897 das mans do ilustrador Marius Rossillon coñecido por O'Galop.

 

Winer Oscar LOGORAMA


Fabulosa curta de animación na que se recrea, dun xeito crítico, o abusivo mundo de logos que nos rodea.

A banda sonora de "Baixo a sombra das pedras flotantes"


Esta é a banda sonora para a próxima banda deseñada de Kiko Da Silva "Baixo a sombra das pedras flotantes". O tema fomará parte do próximo proxecto/CD de Roger Subirana "XII". 

Webserie: "Conversas con Cunqueiro"





Este é o capítulo piloto da webserie "Conversas con Cunqueiro". Titúlase "Segredos" e estreouse o pasado mes de xuño. Realizado por Porco Bravú e Vodoo Creatives. Nel o protagonista conversa coa estatua de Álvaro Cunqueiro na Praza do Humor da Coruña. 

 "Se todos souberamos a verdade de todo seriamos libres"

"Os meniños macabros"



Agora que xa estamos de vacacións podemos saborear xoias coma esta:

The Gashlycrumb Tinies de Edward St. John Gorey é  un abecedario no que cada letra corresponde á morte dun neno. O tema musical "Insomnia" está composto e interpretado por Jaime Heras. 

Para seguir indagando fai clic aquí.

"Todo é silencio" e "A lingua das bolboretas". O NOSO PECHE.

MAKING OF

A película Todo é silencio, baseada na novela homónima de Manuel Rivas, pon fin ás nosas actividades do club de lectura deste ano. O grupo de 2º da ESO está a vela  tras a lectura dalgúns anacos da novela.

TRÁILER.

O director deste filme, José Luis Cuerda, dirixe tamén A lingua das bolboretas,  baseada ó igual ca anterior nunha obra do noso escritor galego. Esta é a outra película escollida para rematar o curso co grupo de 1º da ESO. Neste filme podemos ver a interpretación de Roberto Vidal Bolaño no papel do alcalde. E tamén participa nestes filmes o actor Manuel Oliveira, Pico, recentemente falecido.

O MALTRATO "SUTIL"




"O  maltrato sutil" é un conto que trata o tema de como a propia sociedade xera unha falta de autoestima na muller que facilita o maltrato.

"La dijeron..."


VISITAMOS A ANTONIO REIGOSA EN LUGO


O pasado día 23 de maio visitamos a cidade de Lugo para encontrármonos co escritor Antonio Reigosa, do cal o noso grupo de 1º de ESO leu: "Lu e Go pola muralla". 



A nosa guía, Ana Corredoira, recibiunos na Estatua dos Fundadores, na praza Maior, e a continuación iniciamos o noso particular roteiro pola muralla, seguindo os pasos dos personaxes da novela, aínda que o noso periplo foi en sentido inverso ó realizado polo gato e o rato protagonistas da nosa historia. Subimos ó adarve polas escaleiras de Campo Castelo e achegámonos ata a Porta Miñá, para baixar pola rampla fronte á catedral. A seguir, Antonio Reigosa departiu connosco na praza da Soidade, por el soubemos que Lu e Go están perfectamente recuperados despois do seu paso polo sanatorio, polo tanto calquera día podemos atopalos de novo en Lugo.  Finalmente visitamos  o Centro de Interpretación da Muralla e a Casa dos Mosaicos.


A cidade de Lugo achéganos un amplo abano de estatuas dedicadas ós nosos escritores, pasear pola cidade é unha pequena clase de literatura. Fotografiarnos coa estatua de Ánxel Fole ou co poema "Verao"de Luís Pimentel   incrustado nun tronco dunha árbore da praza Maior foi unha festa para todos nós.

"Vicent" en galego



Aplaudimos esta iniciativa do club de lectura As catro esquinas do quinto do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense) de dobrar esta curta de Tim Burton ó galego. Trátase dunha das nosas curtas preferidas, que xa comentamos nos nosas sesións porque serve para exemplificar moi ben as inevitables relacións da literatura e o cine que tanto nos gustan. E agora ademais poderemos desfrutala en galego.

Esta curta recrea as influencias  que a literatura de Edgard Allan Poe ten na vida do protagonista da historia, Vicent Malloy. Este preséntasenos como un seguidor afervoado das historias terroríficas do grande escritor inglés ata o punto de sufrir unha quixotización de non distinguir ben a fantasía da realidade

"CRIATURAS" DE RVB


A compañía Tangatutanga Teatro (Marta González e Carolina Alba Castro Estévez) escenifica un fragmento de "Criaturas" (escena 2) de Roberto Vidal Bolaño dentro das Xornadas das Letras Galegas 2013 en Madrid no Paraninfo de Filoloxía, Universidade Complutense.


ROBERTO VIDAL BOLAÑO INTERACTIVO



Compartimos esta imaxe interactiva de Roberto Vidal Bolaño creada polo profesor Ignacio Rodiño, do IES Leliadoura.

Visita de SANTIAGO LOPO e MANEL CRÁNEO



Dentro das actividades desenvoltas na Semana das Letras contamos con dous interesantes autores galegos: SANTIAGO LOPO  e MANEL CRÁNEO.




SANTIAGO LOPO visitounos o luns 13 para achegarnos á escrita en galego. Presentouno a súa compañeira e amiga, Isabel Fernández,  e falounos das súas obras Game Over, Peaxes  e Hora Zulú. O noso club de lectura de 4º leu a súa novela Peaxes.





MANEL CRÁNEO, autor de bandas deseñadas como Os lobos de Moeche e Cousas de mortos, estivo connosco o martes 14. Presentouno  o noso ilustrador Eduardo Baamonde. Ofreceunos un obradoiro, que nos achegou á linguaxe do cómic e tamén departiu co alumnado do club de lectura de 4º sobre a súa obra Cousas de mortos.

"A menina do mar"


O noso club de 1º da ESO está a ler "A menina do mar" de Sophia de Mello Breyner Andresen. Con esta experiencia estamos aachegándonos  ó portugués, co cal tamén nos estamos a converter nun club de lingua.

A continuación podemos ver unha adaptación deste conto en stop motion e unha presentación cunha biografía da autora.


"Cousas de mortos" de Manel Cráneo

MAÑÁ, MARTES 14, ESTARÁ CONNOSCO 
MANEL CRÁNEO. 

Pechamos así unha semana de actividades das LETRAS GALEGAS que inciamos hoxe coa visita do escritor Santiago Lopo. Desenvolverá un obradoiro de cómic co alumnado de 4º da ESO, entre os que se atopa o do club de lectura, que leu o seu cómic "Cousas de mortos"


Nestes blogs temos máis información sobre o autor: 

 http://manelcraneo.blogspot.com.es/ 

http://craneomortem.blogspot.com.es/


KARAOKE: "Meu o mundo é!"

"Peaxes" de Santiago Lopo

Na xuntanza de onte estivemos a comentar a áxil estrutura da novela  dividida en breves capítulos, que levan como título cada día da semana. Nos que un narrador protagonista, que traballa de cobrador nunha peaxe da autoestrada, vai relatando o seu rutinario traballo. No que os personaxes da trama serán os distintos usuarios  identificados pola marca do seu coche: Clío, Golfiña, Ibiza, Grand Cherokee, Matiz el e Matiz ela, que conforman unha historia cos breves retallos das súas vidas, que el vai anotando ó son dunha salientable banda sonora, as músicas que escoitan nos seus coches e que, finalmente, se converten na escusa para encontrarense fóra da vida imaxinaria que lles outorgara o narrador.

A música foi a protagonista principal da xuntanza. Os rapaces estiveron a buscar na rede as cancións que aparecen citadas na novela. Deixamos aquí unha mostra dos RemolcaMadriña, que tamén son personaxes nesta historia.

Santiago Lopo visitaranos o luns para celebrar as Letras Galegas.

"THIS SIDE UP"



This Side Up - HD from Daniel Knauer on Vimeo.

Outra curta de animación que non debemos perdernos dentro da nosa xa ampla colección.

Dános unha visión irónica e retranqueira do mundo tecnoloxizado no que habitamos e as angustias e frustracións que nos pode provocar o emprego de todos os recursos que este nos ofrece.

"OS NOSOS VERSOS"


O mes de abril no noso club de 1º estivo dedicado á nosa poesía. Achegámonos a ela a través da antoloxía de Antonio García Teijeiro editada por Xerais:"Os nosos versos"


Dentro desta escolma cada un dos clubeiros escolleu o poema que máis lle gustase para ler en voz alta. Os poemas rosalianos foron dos que máis veces se recitaron, contribuímos así a celebrar o 150 aniversario dos nosos "Cantares gallegos"

PERE TOBARUELA con nós

A mellor maneira de celebrar o  Día do Libro por anticipado no noso centro foi poder contar coa presenza do escritor Pere Tobaruela grazas á colaboración da editorial Everest Galicia.



O autor de Viaxes dun can de palleiro e coautor de Mortos de Ningures charlou animadamente dun xeito ameno e próximo co noso alumnado de 1º de ESO sobre como un catalán coma el aprendeu galego e como perdeu a vergonza para poder falalo, converténdose en todo un exemplo de integración e respecto cara a nosa lingua. Confesou que a súa dedicación á escrita foi tardía, comezou a escribir con 34 anos. Así mesmo, tamén nos contou como coñeceu a Ledicia Costas  e decidiron escribir un libro  xuntos, de feito agora xa van polo segundo, xa podemos atopar nas librerías a continuación das aventuras da inspectora Nola e o seu gato Lolo baixo o título Ouro negro.

"Manel Cráneo a desenhar!"



Con este fermoso vídeo de Séchu Sende  gravado no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, Pontevedra, imos abrindo boca ata poder desfrutar coa visita de Manel Cráneo ó club do noso instituto.

Premio para "Mortos de Ningures"

O libro Mortos de Ningures acaba de colleitar o premio FREI MARTÍN SARMIENTO na súa novena edición, correspondente á categoría de 1º e 2º da ESO. O noso club de lectura congratúlase deste ben merecido premio. Vaian os nosos parabéns para os seus autores Ledicia Costas e Pere Tobaruela e o seu ilustrador Andrés Meixide.

 
O vindeiro luns 22 de abril darérmoslle a noraboa en directo a Pere Tobaruela que virá a charlar co noso alumnado de 1º da ESO deste libro e da súa novela: Viaxes dun can palleiro.

DÍA MUNDIAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL




A organización sen ánimo de lucro, Save the Children, lémbranos que ata oito millóns de nenos e nenas traballan en condicións de escravitude no DÍA MUNDIAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL.

Neste documental titulado "Nenos do tear" temos unha mostra do que acontece en Paquistán.

"Frankenstein", do libro á película.



Ente as múltiples versións cinematográficas de "Frankenstein" escollimos esta dirixida e interpretada por Kenneth Branagh, na que Robert De Niro interpreta ó monstro,  para rematar as sesións dedicadas á lectura deste clásico da literatura.

Esta versión non é estreitamente fiel á novela, de aí que nos serviu para comparar as diferenzas coa trama argumental de Mary Shelley. Nela o tratamento do tema tórnase, ás veces, excesivamente épico, pero visualmtente o resultado é grandilocuente a todos os efectos.

"Portugal" de Cyril Pedrosa

Portugal de Cyril Pedrosa


Esta banda deseñada trata o tema da procura da identidade dun emigrante de terceira xeración e as sinuosas relacións de familia.

Simon Muchat é un debuxante de cómic que entra en crise persoal e laboral e decide darse un tempo a través dunha viaxe a Portugal, que lle devolverá a esencia das súas raíces familiares.

Nas ilustracións desta obra destaca poderosamente a recreación dos ambientes, a través da transcrición das conversas perdidas e da tonalidade das cores viaxamos co protagonista polos distintos lugares que lle devolverán as súas  súas raíces.


DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL



Hoxe celebramos o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL. Esta data foi escollida por coincidir coa do nacemento de Hans Christian Andersen. O autor de obras tan coñecidas como O patiño feo e A sereíña.

"O PUNTO"





"El punto" de PETER H. REYNOLDS.
 
Esta pequena fábula relátanos a importancia de dar o primeiro paso para fortalecer a propia confianza a través da crenza dos demais nas posibilidades que cada un de nós porta dentro de si.

"Ardalén"


Abre as páxina de Ardalén e entrarás nunha obra que non deixará de engaiolarte.
Trátase dunha historia en torno á memoria. A memoria persoal dos personaxes acaba mesturada coa colectiva, a procura da súa identidade lévaos a compartir as súas relembranzas e recordos nun naufraxio onírico.

Nesta obra están presentes desde o ton poético ata o máis filosófico. Así mesmo, o debuxo está acompañado de textos xurídicos ou administrativos cun achegamento máis realista.

A novela gráfica, cuxo título é un vento do outro lado do océano, lévanos desde a Galicia da actualidade coa historia dun ancián, que foi un neno orfo durante a Guerra Civil, ata a a emigración ás Américas dos anos 50, co relato dun home que embarca e deixa atrás a súa familia.



DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


No Día Internacional da Muller achegamos tres interesantes recursos para podermos seguir lendo.

Tom e Jerry




  • "Tom é un gato e Jerry é un rato, personaxes principais dunha serie de debuxos animados que comezou a emitirse en 1940. O argumento sempre é o mesmo, Tom persegue a Jerry sen alcanzalo case nunca. O ingrediente máis usado nestas curtas é a violencia extrema. Moi extrema"
Con esta aclaración é como remata a nosa lectura de Lu e Go pola muralla de Antonio Reigosa. O gato Lu e o rato Go reciben unha terapia consistente en pórlles de continuo capítulos desta famosa serie de debuxos animados.

"Frankenstein" e "Frankenweenie"



A lectura de Frankenstein lévanos a tratar as súas múltiples influencias no discurso cinematográfico, neste caso trátase da última película de Tim Burton: Frankenweenie, que  recrea unha versión xa feita por este director nunha curtametraxe anterior.



Frankenweenie é unha curta filmada en branco e negro e dirixida por Tim Burton no ano 1984, a historia parodia a novela Frankenstein de Mary Shelley.

"El vendedor de humo"




Goya 2013 á mellor curtametraxe de animación.

"AMORDISCOS"

Fermoso libro de ilustracións de Mónica Pérez para agasallármonos no Día de San Valentín.

Entroido na xuntanza do club.



Na nosa última xuntanza celebramos o Entroido con filloas, orellas, roscas e outras mostras culinarias achegadas polas mamás dos nosos clubeiros.

"Paperman"



Curtametraxe de Disney nominada para os Óscar 2013.

Estamos a ler: "Lu e Go pola muralla"

O grupo de 1º da ESO está a ler Lu e Go pola muralla.

 O seu autor Antonio Reigosa achéganos a través dos seus protagonistas LU (un  gato) e GO (un rato), unha historia que se desenvolve na muralla de Lugo.

Hai neste relato unha morea de protagonistas secundarios, moitos deles personaxes reais, como os escritores: Álvaro Cunqueiro, Paco Martín, Isidro Novo, Xosé Miranda. E outros tantos ficticios, tirados da nosa tradición literaria infantil ou popular,  como: Ramón Lamote, María Castaña.

DÍA INTERNACIONAL DA INTERNET SEGURA



Hoxe o ó Día Internacional da Internet Segura e o lema deste ano é: "Conéctate e respecta"

MARY SHELLEY en "Remando al viento"

Caricatura de Luis Armas                                

 O grupo de 4º da ESO está a ler Frankenstein ou o moderno Prometeo, a célebre obra da escritora inglesa Mary Shelley.

Nunha primeira sesión achegarémonos á xestación da novela que tan ben recrea a película,"Remando al viento",  do director  e escritor español Gonzalo Suárez.


  
 

Comentamos "Mortos de Ningures"

O pasado xoves tivemos a xuntanza do club co grupo de 1º da ESO para comentarmos a lectura de "Mortos de Ningures". Case non nos chegaron as dúas horas para tanto que tiñamos que falar. Os clubeiros quedaron encantados con esta novela negra ou policial xuvenil.


Repasamos todos os puntos comúns deste tipo de novelas. Os personaxes necesarios: a investigadora Nola e o seu sagaz axudante, o gato Lolo, xunto co contrapunto necesario do Comisario. Os crimes: os asasinatos de ningurenses. As pistas para a resolución do caso: o sangue verde. E, finalmente, o autor ou autores dos crimes e as súas motivacións.

Tamén, comentamos a importancia do espazo na historia. Todures, Ningures e Algures non son simples topónimos escollidos ó chou, senón que agochan  o tema principal da historia. Non todas as vidas teñen o mesmo valor, e, neste caso, as dos ningurenses valen menos.

Os rapaces valoraron moi positivamente a achega das ilustracións de Andrés Meixide e analizamos as distintas perspectivas que adoptou o ilustrador nos debuxos.

"Nós tamén creamos!"

O Xabarín Club abre mañá a súa emisión coas tres curtametraxes gañadoras do concurso “Nós tamén creamos!”, edición 2012. Estade atentos á tvG2 para desfrutar con "A tartaruga que quería durmir", do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños – A Coruña); "Loboferoz", do CPI Santa Lucía(Moraña– Pontevedra); e con "A máscara do león", do CEIP Felipe de Castro (Noia – A Coruña).