Rematamos a lectura de "Mundo Arb"

A ilustración da portada é de Jacobo Fernández Serrano.
O grupo do club de lectura de 2º da ESO rematou a lectura Mundo Arb. Esta obra de Manuel Lourenzo González supúxolles unha viaxe cara ó descoñecido e cara ó coñecemento asemade.



Os habitantes desta grande árbore, que constitúe Mundo Arb, preséntansenos como perfectamente inseridos no seu medio natural arborense no primeiro capítulo. Así aparecen ante nós os veciños de Uñagará: Elía de Uñagará, o ferreiro; dona Luzai, a mestra; Xesó Marpai, o panadeiro; Giuliano, o libreiro; don Rug, o sanitario; Xearo Crus, o poeta; dona Ulinda, a florista; Saimón o Xordo, o taberneiro; entre outros moitos. Nas breves pinceladas que describen todos estes personaxes ecoan as mellores semblazas cunqueirianas. Todos eles son arborenses dun territorio definido polos límites xeográficos da grande árbore, dividida nas súas pólas: Póla Revirada, Póla Fungueira, Póla Cumieria ó redor do Groso Coumón Ergueito e estratificada en Medarb, Surlestarb e Terra Baixo Arb. Este mundo está rodeado dunha mesta vexetación que dá paso ós máis variopintos topónimos: Ritordáns, Oureal, Leiroá, Olmainsí, Presep, Traquebrás, Dailca e moitos máis.


Serán tres personaxes adolescentes os que inicien a viaxe prohibida: Clar, Aroi e Hilda. O seu destino final é Terra Abaixo Arb. A súa existencia é un misterio.



Moebius


Os nosos protagonistas gozan de habilidades especiais como a de ser nadadores do aire, algúns con título da Academia de Nadadores do Aire, ou a posibilidade da transmentación para comunicárense entre eles.

A fauna que os rodea funciona, nuns momentos, como aliada,  é o caso das golulas minsai, aves que lles permiten o transporte aéreo. Mentres que noutros intres, preséntase como un perigo que hai que sortear, grandes aves de rapina, que aparecen cando se alonxan da enramada arbórea que os protexe.

A viaxe, que é o elo que os une, permítelles coñecer novos mundos e, asemade, autocoñecerse. Exploran os seus propios límites ó mesmo tempo que os do mundo que os rodea, sorteando todo tipo de perigos. O personaxe masculino, Aroi, preséntase como líder entre as dúas personaxes femininas, Clar e Hilda. A súa identidade non se nos revela ata o final. As rapazas asumen o protagonismo cando é preciso, sobre todo Clar, que comeza a viaxe en solitario e é capaz de continuala pese a perder os seus acompañantes.


En definitiva, Mundo Arb é un canto ecolóxico á importancia de todos e cada un dos elementos que conforman o cosmos por insignificantes que nos parezan.

"Luna"



Luna - A Short Film from Rainmaker Entertainment on Vimeo.



"Luna " é unha pequena historia sobre o enganosa que pode ser a atracción e o amor non correspondido. Producida e escrita por Catherine Winder.