PERE TOBARUELA con nós

A mellor maneira de celebrar o  Día do Libro por anticipado no noso centro foi poder contar coa presenza do escritor Pere Tobaruela grazas á colaboración da editorial Everest Galicia.



O autor de Viaxes dun can de palleiro e coautor de Mortos de Ningures charlou animadamente dun xeito ameno e próximo co noso alumnado de 1º de ESO sobre como un catalán coma el aprendeu galego e como perdeu a vergonza para poder falalo, converténdose en todo un exemplo de integración e respecto cara a nosa lingua. Confesou que a súa dedicación á escrita foi tardía, comezou a escribir con 34 anos. Así mesmo, tamén nos contou como coñeceu a Ledicia Costas  e decidiron escribir un libro  xuntos, de feito agora xa van polo segundo, xa podemos atopar nas librerías a continuación das aventuras da inspectora Nola e o seu gato Lolo baixo o título Ouro negro.

"Manel Cráneo a desenhar!"



Con este fermoso vídeo de Séchu Sende  gravado no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, Pontevedra, imos abrindo boca ata poder desfrutar coa visita de Manel Cráneo ó club do noso instituto.

Premio para "Mortos de Ningures"

O libro Mortos de Ningures acaba de colleitar o premio FREI MARTÍN SARMIENTO na súa novena edición, correspondente á categoría de 1º e 2º da ESO. O noso club de lectura congratúlase deste ben merecido premio. Vaian os nosos parabéns para os seus autores Ledicia Costas e Pere Tobaruela e o seu ilustrador Andrés Meixide.

 
O vindeiro luns 22 de abril darérmoslle a noraboa en directo a Pere Tobaruela que virá a charlar co noso alumnado de 1º da ESO deste libro e da súa novela: Viaxes dun can palleiro.

DÍA MUNDIAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL




A organización sen ánimo de lucro, Save the Children, lémbranos que ata oito millóns de nenos e nenas traballan en condicións de escravitude no DÍA MUNDIAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL.

Neste documental titulado "Nenos do tear" temos unha mostra do que acontece en Paquistán.

"Frankenstein", do libro á película.



Ente as múltiples versións cinematográficas de "Frankenstein" escollimos esta dirixida e interpretada por Kenneth Branagh, na que Robert De Niro interpreta ó monstro,  para rematar as sesións dedicadas á lectura deste clásico da literatura.

Esta versión non é estreitamente fiel á novela, de aí que nos serviu para comparar as diferenzas coa trama argumental de Mary Shelley. Nela o tratamento do tema tórnase, ás veces, excesivamente épico, pero visualmtente o resultado é grandilocuente a todos os efectos.

"Portugal" de Cyril Pedrosa

Portugal de Cyril Pedrosa


Esta banda deseñada trata o tema da procura da identidade dun emigrante de terceira xeración e as sinuosas relacións de familia.

Simon Muchat é un debuxante de cómic que entra en crise persoal e laboral e decide darse un tempo a través dunha viaxe a Portugal, que lle devolverá a esencia das súas raíces familiares.

Nas ilustracións desta obra destaca poderosamente a recreación dos ambientes, a través da transcrición das conversas perdidas e da tonalidade das cores viaxamos co protagonista polos distintos lugares que lle devolverán as súas  súas raíces.


DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL



Hoxe celebramos o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL. Esta data foi escollida por coincidir coa do nacemento de Hans Christian Andersen. O autor de obras tan coñecidas como O patiño feo e A sereíña.