Co noso grupo de 2º seguimos na liña das lecturas que tratan a realidade social dos nenos máis desfavorecidos. Esta vez, atopámonos cos meninos que pululan polas rúas brasileiras da man do escritor Ricardo Lísias.
A praia das palabras
Blog do Club de Lectura do IES de Vilalonga
"Palabras de caramelo"
Con esta lectura, sinxela á vez que profunda, o noso Club de 2º da ESO aproximouse á realidade do pobo saharauí e da man dela chegou a historia real de Jade, que nos contou Iris Silva Camiña, a nosa integrante do club.
"Jade é unha rapaza que veu do Sáhara a pasar os veráns na miña casa durante tres anos seguidos. A primeira vez que pasou o verán con nosoutros tiña 13 anos e parecía asustada. Tardou un pouco en adaptarse a España e á nosa familia.
Ela é morena de pelo liso e longa melena. Os seus ollos son marróns e moi grandes cunhas longas pestanas. É bastante alta e moi delgada. Gústalle a nosa comida e, en especial, as hamburguesas.
As cousas que máis a impresionaron de toda a casa foron: a billa, a tele, o ordenador e as máquinas de videoxogos. Contounos que vivía nun campamento con 37 familias. Ten tres irmáns: o maior ten 19 anos e chámase Kenseyk, as dúas irmás pequenas teñen sete e cinco anos. A maior é a que vai vir para o ano, chámase Mahudaa e a pequena Shila.
Cando Jade veu viña moi descoidada. Aquí levámola ó centro médico e ó dentista, este púxolle aparatos nos dentes.
O último ano que nos visitou estaba moi triste porque ía casar. Aquí pareceunos raro que unha nena de 15 anos fose casar tan nova. Xa levaba comprometida desde os 11 anos.
Agora Jade ten 17 anos. Seguimos mantendo contacto con ela e mandámoslle diñeiro para manter os seus fillos. Para min foi como unha irmá maior."
Palabras de Caramelo" obra Pasai San Pedron
O RAP DO LIBRO
Rap do libro elaborado pola Biblioteca escolar do CEIP Barrié de la Maza-Santa Comba (A Coruña) para o Día do Libro do ano 2010. Cantado por JHARECK (IAGO REY). VOCES CONTADORA DE SOÑOS, ANGELA, CARLOS, MARTIN, SONIA E MARIA.
Feliz aniversario XABARÍN!
Hoxe o Xabarín Club está de aniversario. Celebramos a súa maioría de idade, ten os mesmos anos que o noso alumnado de 2º de BACH. Creceron vendo as súas series e escoitando as súas músicas. A achega que supuxo a emisión deste programa para a normalización da nosa lingua en Galicia é moi superior á de moitas outras iniciativas. Daquela hoxe é o día de felicitalo a el e a todos aqueles que o fixeron posible.
"Manolito ten un segredo"
Esta é a nosa nova lectura do club de 2º da ESO. Con ela están a rir moito porque conectan perfectamente co personaxe de Manolito, xa coñecido para eles doutras lecturas e da adaptación cinematográfica.
Rematamos a lectura de "Mundo Arb"
A ilustración da portada é de Jacobo Fernández Serrano.
O grupo do club de lectura de 2º da ESO rematou a lectura Mundo Arb. Esta obra de Manuel Lourenzo González supúxolles unha viaxe cara ó descoñecido e cara ó coñecemento asemade.

O grupo do club de lectura de 2º da ESO rematou a lectura Mundo Arb. Esta obra de Manuel Lourenzo González supúxolles unha viaxe cara ó descoñecido e cara ó coñecemento asemade.
Os habitantes desta grande árbore, que constitúe Mundo Arb, preséntansenos como perfectamente inseridos no seu medio natural arborense no primeiro capítulo. Así aparecen ante nós os veciños de Uñagará: Elía de Uñagará, o ferreiro; dona Luzai, a mestra; Xesó Marpai, o panadeiro; Giuliano, o libreiro; don Rug, o sanitario; Xearo Crus, o poeta; dona Ulinda, a florista; Saimón o Xordo, o taberneiro; entre outros moitos. Nas breves pinceladas que describen todos estes personaxes ecoan as mellores semblazas cunqueirianas. Todos eles son arborenses dun territorio definido polos límites xeográficos da grande árbore, dividida nas súas pólas: Póla Revirada, Póla Fungueira, Póla Cumieria ó redor do Groso Coumón Ergueito e estratificada en Medarb, Surlestarb e Terra Baixo Arb. Este mundo está rodeado dunha mesta vexetación que dá paso ós máis variopintos topónimos: Ritordáns, Oureal, Leiroá, Olmainsí, Presep, Traquebrás, Dailca e moitos máis.
Serán tres personaxes adolescentes os que inicien a viaxe prohibida: Clar, Aroi e Hilda. O seu destino final é Terra Abaixo Arb. A súa existencia é un misterio.

Moebius
Os nosos protagonistas gozan de habilidades especiais como a de ser nadadores do aire, algúns con título da Academia de Nadadores do Aire, ou a posibilidade da transmentación para comunicárense entre eles.
A fauna que os rodea funciona, nuns momentos, como aliada, é o caso das golulas minsai, aves que lles permiten o transporte aéreo. Mentres que noutros intres, preséntase como un perigo que hai que sortear, grandes aves de rapina, que aparecen cando se alonxan da enramada arbórea que os protexe.
A viaxe, que é o elo que os une, permítelles coñecer novos mundos e, asemade, autocoñecerse. Exploran os seus propios límites ó mesmo tempo que os do mundo que os rodea, sorteando todo tipo de perigos. O personaxe masculino, Aroi, preséntase como líder entre as dúas personaxes femininas, Clar e Hilda. A súa identidade non se nos revela ata o final. As rapazas asumen o protagonismo cando é preciso, sobre todo Clar, que comeza a viaxe en solitario e é capaz de continuala pese a perder os seus acompañantes.
En definitiva, Mundo Arb é un canto ecolóxico á importancia de todos e cada un dos elementos que conforman o cosmos por insignificantes que nos parezan.
"Luna"

Luna - A Short Film from Rainmaker Entertainment on Vimeo.
"Luna " é unha pequena historia sobre o enganosa que pode ser a atracción e o amor non correspondido. Producida e escrita por Catherine Winder.
"Apaixonados"


Narración da historia de Rébecca Dautremer: Apaixonados.
Traballo realizado em PhotoStory para o Curso de Pós-graduação Gestão de Bibliotecas Escolares - ISLA de Leiria
Temos aquí un bo exemplo para achegarnos ós bonitos álbums ilustrados que nos ofrece o mercado editorial a través do portugués, xa que non podemos facelo a través do galego.
"Alma"

Alma from Rodrigo Blaas on Vimeo.
Esta curta foi escrita e dirixida por Rodrigo Blaas. Este granadino traballa en Pixar desde o 2002 e participou en películas como Buscando a Nemo, Cars, Os incribles, Wall-e e UP.
"O achado do castro"
Visita á FUNDACIÓN X. NEIRA VILAS
Foi unha oportunidade para departir con el sobre a súa vida e a súa obra. En concreto, Memorias dun neno labrego, fixo que lle lembrase ó noso alumnado as condicións da infancia de antano, o pouco acceso á educación que se tiña naquela época e o feito de que para poder ir á escola tivese que andar varios quilómetros a pé por camiños intransitables.
Tamén lles serviu de guía para amosarlles moitas das pezas de carácter etnográfico que garda na súa Fundación, así como a súa voluminosa biblioteca.
Aproveitamos esta xornada para coñecer de preto a comarca onde se sitúa a Fundación. Primeiro visitamos o Pazo de Oca. Despois percorremos a rota para chegar á fervenza do Toxa e á praia fluvial da Carixa, en Merza. Por último, achegámonos á nosa cita co escritor en Gres e visitamos as illas que se atopan no río e a súa ponte romana.
"Mundo Arb"

Comezamos o curso con importantes novidades. Temos un novo grupo en 2º da ESO, nel estamos xa coa nosa primeira lectura. Trátase da novela gañadora do premio Barco de Vapor 2010.
Mundo Arb de Manuel Lourenzo González. Se pinchas no enlace podes acceder ó primeiro capítulo.
UNHA LIBRERÍA PARA SOÑAR
Na librería Lello e Irmão, en O Porto (Portugal), rodáronse escenas da película de Harry Potter.
"Chocolata" en Brasilia

Nenos e nenas de Brasilia realizaron unha curta de animación audiovisual co conto ‘Chocolata’. (Obradoiro de OQO editora no Instituto Cervantes desta cidade brasileira, con motivo da celebración do Día Cervantino da Literatura Infantil e Xuvenil
Vídeo-homenaxe "Memorias dun neno labrego"
O alumnado do Club de lectura e de diversificación participou nesta gravación de vídeo que homenaxea o libro de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego.
Durante a actividade recitaron anacos literais deste libro e relataron as distintas aventuras que lle acontecen a Balbino.
QUERIDO BALBINO. 1961-2011. Cincuenta anos de "Memorias dun neno labrego"
Ver catálogo da exposición.
Estes días na Biblioteca Pública de Pontevedra podemos contemplar esta exposición que recolle fotografías, vídeos e correspondencia que permiten coñecer a traxectoria vital de Neira Vilas e de Memorias dun neno labrego, o libro máis lido da literatura galega. Exhíbense ademais 10 traballos de pintores galegos que renden a súa particular homenaxe á obra protagonizada por Balbino.
Memorias dun neno labrego é o libro máis lido da historia da literatura galega e tamén o máis traducido a outros idiomas (contabilízanse unha vintena de traducións), ademais da novela a través da que moitos lectores se inicaron na lectura en lingua galega.
O noso club visitará a Fundación Neira Vilas na saída que ten prevista como remate as actividades deste ano o derradeiro día de clase.
"Memorias dun neno labrego"
Esta é a nosa derradeira lectura no Club deste ano, "Memorias dun neno labrego". Serviunos para achegarlles unha realidade rural que a algúns lles queda algo alonxada, pero da que aínda se albiscan retallos hoxe, sobre todo no entorno dos nosos rapaces.Falamos de como era antes o rural galego, da escola, dos mestres, dos curas, do señor, do xudeu. Tratamos o tema de emigración, moitos dos integrantes do noso club aínda teñen ou tiveron familiares emigrantes. Achegámonos, tamén, a outros temas, como o primeiro amor ou os nosos animais de compañía a través do Pachín do Balbino.
Assinar:
Postagens (Atom)






