"Flor de area" por David Güimil


 Flor de Area é un libro narrado dende a perspectiva dunha rapaza de orixe iraquí, Amrah, que conta unha parte da súa vida ao longo da novela. Esta rapaza, co único soño de converterse nunha futura arquitecta,  está destinada a un futuro concertado, no que terá que casar cun home que non elixiu ela, senón seu pai.


Flor de Area é a continuación de Irmán do vento, pero esta vez a protagonista é Amrah, e mostra a situación do seu país dende a súa perspectiva. Móstrase un Iraq con ideas radicais, no que a muller é un 'obxecto' do home, e vive sometida a eles. No libro vese claramente no momento en que Amrah, tendo o matrimonio concertado, nota que Dimas Ber, que vai ser o seu futuro marido, obrígaa a deixar os estudos ou a pór o burka. Empeza a sometela á súa autoridade, cousa que Amrah non está polo labor de aceptar, e acaba por escapar deste tortuoso futuro.

Amrah tamén relata a historia con Khaled, que é o protagonista de Irmán do vento. Este personaxe presenta primeiro o reencontro amoroso coa súa amada, a propia Amrah, que tras un longo tempo separados vólvense ver e consuman o seu amor.
Khaled perde a vida nunha suposta "explosión" dunha bomba na súa casa, pero ao longo da historia vencéllaselle coa traizón xunto coa armada americana. A morte tráxica vén acompañada dun pequeno descendente no ventre de Amrah, Khaled marcha ao outro mundo, pero deixa a Amrah embarazada, cousa que lle pode traer moitos problemas.

Amrah entón, escapa, acudindo á nai. A súa nai tivo un destino parecido, ao ser expulsada por parte do seu pai por non seguir as mesmas ideas que este apoiaba. Así este acusouna de adulterio, e ela tivo que marchar a outra vila, aínda que polo menos salvouse dunha posible lapidación. Nesta viaxe na procura da súa propia vida, Amrah reencóntrase cun vello amigo, o cal lle conta a "verdadeira" historia do seu amado Khaled, á vez que a involucra nos seus asuntos políticos. De aí que Amrah se transforme nunha espía para o seu país e se vexa obrigada a seducir ó coronel americano Luke Mortimer para gardar a honra do seu amado morto. Todo isto conducirá a súa vida e a da súa familia a un explosivo final que deixamos aquí sen contar para animar á lectura desta novela.
_____________________________________

Manuel Lourenzo González, o autor do libro, visitou o noso club nun encontro que se realizou o pasado 13 de febreiro. Eu non puiden asistir ese día á xuntanza do club, de aí que lles preguntei ás miñas compañeiras e compañeiros, que foi o que lles resultara máis interesante desta charla.

O escritor contoulles que para meterse na pel dunha rapaza árabe, viuse nunha tarefa moi complicada. De feito o propio escritor entregoulle o manuscrito a un poeta de orixe árabe, que era amigo del, para que así lle aconsellara sobre que facer. Unha pequena anécdota que lles relatou foi a de que o poeta, aconselloulle quitar as flores como regalo que lle ía facer Haytham a Amrah, xa que no seu país iso era  inconcibible pola situación que estaba a atravesar a rapaza.

Tamén se comentou o moito que gustaron os fragmentos soltos do libro do propio Khaled, que aparecen espallados ó longo de toda a novela a modo de contos e poemas inspirados na tradición literaria árabe.

Outras preguntas que xurdiron foron as seguintes coas súas respostas:
  • -"Por que unha novela sobre a guerra?"
  • +"Primeiro porque quería continuar o primeiro libro, Irmán do vento e,segundo,  porque tiña ganas de falar sobre un tema como é a guerra. De feito, mesmo me tiven que informar moito sobre os acontecementos da guerra, e datos históricos para poder tratar o libro con éxito."                                
  • -"Por que aparece Obama no libro?"
  • +"Máis ben, por que non? Pareceume interesante introducilo, ó final isto é  ficción, pero aínda así é verosímil a súa aparición, xa que os feitos acontecen coa entrada de Obama ó poder, e pode coincidir este feito, non é nada tan raro."                                                                                           
E así con esta e outras cuestións concluíu a conversa con Manuel Lourenzo, un pracer ler Flor de Area.





Ningún comentario:

Publicar un comentario