Recitando Celso Emilio



Algúns dos integrantes do grupo de 1º da ESO do noso club de lectura (Isabel, Laura, e os Ramóns) participaron o 12/12/12 ás 12.00 h. no recitado do poema "Deitado frente ao mar" organizado pola Coordinadora Galega de EDNL dentros dos actos de homenaxe do centenario do aniversario do nacemento do noso poeta Celso Emilio Ferreiro. Un total de 200 centros e uns 30.000 alumnos participaron nesta actividade colectiva, á que tamén se sumaron ANPAS, asociacións, concellos, universidades, bibliotecas municipais, servizos de normalización, grupos de Erasmus no exterior, etc.

"Library"



Library, unha curta do director Yu Ming.

"Rato de rebaixas"



Bonita curta para reinvindicar o intestimable valor da diferenza.

Visita de Ramón Caride e Manuel Busto

O pasado día 29 de novembro estiveron no noso club o escritor, Ramón Caride, e o ilustrador, Manuel Busto. O motivo que os uniu nesta visita é o libro Exogamia 0.3. Unha obra que dá para tratar moitos temas, todos eles de grande actualidade. Nestes relatos inspirados en novas do xornal, repasamos moitos dos problemas da nosa sociedade actual pasados pola peneira, nas máis das ocasións,  da ciencia ficción, que serve para proxectar cara o futuro as nosas peores contradicións. Destes temas charlamos co seu autor Ramón Caride e puidemos ver as ilustracións a cor que realizou Manuel Busto para o libro. Ambos os dous concordaban en que as ilustracións enriquecían ós relatos. De aí que conseguiron que Xerais as introducise na súa colección Fóra de xogo. O mestre de cerimonias deste encontro foi o pintor e profesor-colaborador do club, Eduardo Baamonde.
PRESENTACIÓN "Exogamia 0.3"

Así mesmo, tivemos a primicia de ler o primeiro relato, "Tan lonxe, tan perto", do seu novo libro Endogamia 0.2,  gozar coas ilustracións, que tamén realizou Manuel Busto, e debater o tema da discriminación feminina nun club onde as integrantes son maioritariamente rapazas. Adiantounos que concibiu estes libros como unha triloxía, e que o último sería Sengamia 0.1.

 

Para finalizar, agradecemos esta visita coa lectura por parte dos integrantes do noso club de cadanseu poema de Ramón Caride da súa obra A chuvia humana.

Shin Chan fala galego



Os nosos rapaces creceron escoitando a Shin Chan falar galego, ninguén cuestiona que foi un dos mellores axentes normalizadores da nosa lingua. De aí que: "Falo galego por que quero!! chascarrachascarraschas!!" é unha frase que temos que repetir nos tempos que corren.

Paulicéia CANTA, TY-ETÊ!


paulicéia CANTA, TY-ETÊ! from Céu D´Ellia on Vimeo.

Esta curta é de NUPA. Unha produtora-escola pública e gratuíta de San Paulo.Ty-etê significa, en tupí, Auga Real ou Verdadeira. Trátase  do principal río de San Paulo. Máis información aquí.

Primeira xuntanza do grupo do club de 1º da ESO.



Estes son os integrantes do noso novo grupo do club de 1º da ESO na súa primeira xuntanza do 8 de outubro. Comezamos coas presentancións e coa exposición das razóns que nos trouxeron ata aquí. Para todos é a súa primeira vez. As razóns son moi variadas: a maioría coinciden en que lles gusta ler, pero tamén están aquí para poder realizar outras actividades en torno á lectura, compartila cos amigos e de paso se se pode saír de excursión, iso xa será unha viaxe máis dentro das moitas que faremos a través das historias que imos ler.

A seguir, fixemos unha listaxe das súas lecturas favoritas, entre elas, aparecen: Dúas lágrimas por Máquina, O principiño, Caperucita en Manhattan, a colección de Tea e Gerónimo Stilton, Trece anos de Branca, Los juegos del hambre, Nina,  la chica de la sexta luna. Tamén, coinciden case todos en que os ingredientes que debe ter un libro para que lles guste son: misterio, fantasía, medo,  aventuras, humor e un pouco de amor.

Nesta primeira xuntanza logo das presentacións, comezamos coa lectura de Mortos de ningures, despois do visionado do book-trailer.

"A caída da Casa Usher"





A caída da Casa Usher é unha curta, que está preseleccionada para os ÓSCAR deste ano. Esta obra recrea un conto de Edgar Allan Poe. O seu director é Raúl García, este madrileño, residente nos EEUU, ten xa unha carreira con abondosos premios. Explica que realizou esta curta tras o éxito d'O corazón delator, que foi a primeira obra na que adaptou un conto de Poe.

"O neno do pixama a raias"




No grupo de 2º da ESO iniciamos o noso club deste ano coa lectura d'O neno do pixama a raias.


Este vídeo da dobraxe do tráiler do filme O neno do pixama a raias, baseado no best-seller do John Boyne é un  traballo realizado polos alumnos de 1º ESO do IES Leliadoura (Ribeira), dentro dunha actividade levada a cabo polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística.

Achegamos tamén a entrevista do escritor PRIMO LEVI, na que relata a súa experiencia no campo de concentración no que se desenvolve a acción desta novela, o texto da cal  podemos ler aquí,


"O xigante"



Esta curta galega competirá na sección oficial do Festival de Cine Español de Málaga. O XIGANTE simboliza o corazón de todos os pais, que a través da súa mirada revelan o mundo ós seus fillos, axundándolles a construír o seu universo, a iniciar os seus carreiros na vida e o máis importante: deixándoos encamiñarse por eles.

"Exogamia 0.3"





















Hai     catro   anos    que     Ramón Caride estivo  no noso instituto realizando un obradoiro literario de narrativa, no que propoñía ó alumnado a elaboración dun relato a partir dunha nova do xornal, que trataba duns comprimidos que servirían para esquecer aqueles acontecementos das nosas vidas que nos causasen dor.




Este ano o grupo de 4º da ESO, está a ler Exogamia 0.3, este é un libro de relatos, entre os cales se atopa "Mnemotécnica", no que trata, precisamente, sobre esas pílulas milagreiras das que falabamos antes. Na próxima xuntanza esperamos contar coa súa presenza para que nos comente máis pormenores sobre este libro.

"La luna"

Nesta fermosa curta de Pixar atoparemos claras influencias literarias, como declarou o seu director, Enrico Casarosa. Non é difícil percibir as pegadas d'O principiño de Saint-Exupéry nesta obra, como declara o seu autor nunha entrevista.

Eduardo Baamonde viaxa connosco


A editorial Kalandraka vén de publicar as fermosas acuarelas de Cambados do noso compañeiro e profesor colaborador, Eduardo Baamonde. Aquí podedes enlazar coa nova que publica o Faro de Vigo sobre esta obra.




Agasallámosvos, tamén, con outra mostra das súa obra na nosa ruta pola illa de San Simón. Esta espléndida escaleira que puido levar  a  amiga da cantiga de Mendiño á espera do seu amado, pero que tamén conduciu a moitas persoas cara a máis absoluta desesperación.

"O APÓSTOLO"


Por fin estréase O APÓSTOLO, unha película  da que xa falamos no noso blog hai dous anos.


Narra unha escura historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago na que se mestura o suspense, o humor e a fantasía a partes iguais. O protagonista, un preso que acaba de fugarse  do cárcere, verase envolto en inquietantes e estraños sucesos ó intentar recuperar un botín que se escondera anos atrás nuha perdida aldea desta ruta. Sinistros anciáns, estrañas deaparicións, un cura senlleiro e ata o o mesmísimo alcipreste de Santiago conflúen nunha trama salferida de misterio e intriga que levara ó protagonista a enfrontarse a unha condena maior da que conseguira escapar.


"Argine"

Mañá día 24 de outubro é o día dedicado á biblioteca escolar, achegamos esta preciosa curta para celebrar esta data.

Viaxe á illa de San Simón e ás Salinas do Ulló.


Non atopamos mellor forma de iniciar as nosas actividades do club que repasar o álbum de fotos da nosa viaxe á illa de San Simón. De seguro que non esqueceremos a ruta pola que transcorre un capítulo de Vinte mil leguas de viaxe submarina, a historia que hai mergullada nesas augas, o encontro coa capela da cantiga de Mendiño, ou a procura do anel que o protagonista de Noite de voraces sombras deixou agochado nos muros do cemiterio para a súa amada.

 
E na procura de historias continuamos a nosa ruta polas Salinas do Ulló, baixo a vixiante mirada das illas Alvedosas, e internándonos nunha Selva de Esmelle particular para chegar a Santa Cristina de Cobres, onde rematou o noso itinerario. Non exento de atrancos ortográficos e pintadas como a da canción de Sabina "No hay nostalgia peor que añorar lo que nunca jamás sucedió"


Achegamos, tamén, aquí o traballo realizado polo noso compañeiro pintor, Eduardo Baamonde, durante o roteiro.

"Mortos de ningures"



Con este book-trailer dos Mortos de ningures imos abrindo boca na programación das lecturas dos nosos grupos de club de lectura. Trátase dunha novela escrita a dúas mans por Ledicia Costas e Pere Tobaruela, que acaba de ser nominada finalista no Premio Literario Frei Martín Sarmiento, na categoría de 1º e 2º da ESO.

"O cinematógrafo"



The Kinematograph [SUB/ESPAÑOL] from Estudio Crayon on Vimeo.

Esta curta polaca está inspirada no cómic homónimo de Mateusz Skutnik. Conta a historia dun inventor, Francis, que persegue e realiza o seu soño, pero no camiño esquece o máis importante, a súa vida persoal.

O cinematógrafo foi unha das curtas que se proxectaron este ano no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

FRANKENWEENIE




Esta película está baseada nunha curtametraxe, que vimos no noso club o ano pasado, realizada polo propio Tim Burton en 1984. Trata do experimento científico que fai o seu protagonista, Víctor, para tentar resucitar o seu querido can Sparky. A raíz disto verase obrigado a afrontar terribles situacións con consecuencias insospeitadas.

Coca, dragón

Continuamos a nosa procura de dragóns en Galicia na preparación da nosa saída didáctica deste ano. De aí que teñamos que falar da Coca de Redondela, o dragón lendario máis famoso que temos. 

A palabra Coca deriva do latín COCATRIX (crocodilo) e dá nome a este dragrón, que  posúe unha celebración no concello de Redondela na altura das festas do Corpus. 

Esta é unha tradición que tamén se celebra alén Miño en Monçao.

A nosa visita será entón a Redondela e culminará na illa de San Simón



Alí atoparémonos co Xulio Verne e teremos que tratar Vinte mil leguas baixo dos mares

V XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA



As V Xornadas dos Clubs de Lectura deste ano engadiron unha importante achega coa participación dos rapaces. Deste xeito os integrantes dos distintos clubs dos nosos centros convertéronse nos verdadeiros protagonistas destas V Xornadas celebradas o pasado sábado. A frescura que supuxo escoitar directamente deles as súas experiencias competiu cos relatorios dos persoeiros que nos acompañaban: Eliacer Cansino,Inés Miret e Víctor Freixanes .

Os nosos clubeiros participaron no obradoiro de cómic, impartido por Jacobo Fernández Serrano, e no de regueifas da man de Pinto de Herbón e Luís "O Caruncho". Ademais aproveitaron esta oportunidade para coñecer e compartir as súas experiencias con  rapaces doutros clubs.



"Dragal. A herdanza do dragón"

"Bestiario" de Luís Seoane

Co grupo de 3º da ESO estamos a ler Dragal. A herdanza do dragón de Elena Gallego Abad. Na procura de dragóns en Galicia atopamos referencias no famoso Códice calixtino e na bandeira do antigo reino suevo tamén ondeaba un dragón rampante ó carón dun león.


Lemos "O cobertor de estrelas"



Co noso grupo de 2º seguimos na liña das lecturas que tratan a realidade social dos nenos máis desfavorecidos. Esta vez, atopámonos cos meninos que pululan polas rúas brasileiras da man do escritor Ricardo Lísias.

"Palabras de caramelo"


Con esta lectura, sinxela á vez que profunda, o noso Club de 2º da ESO aproximouse á realidade do pobo saharauí e da man dela chegou a historia real de Jade, que nos contou Iris Silva Camiña, a nosa integrante do club.

"Jade é unha rapaza que veu do Sáhara a pasar os veráns na miña casa durante tres anos seguidos. A primeira vez que pasou o verán con nosoutros tiña 13 anos e parecía asustada. Tardou un pouco en adaptarse a España e á nosa familia. 

Ela é morena de pelo liso e longa melena. Os seus ollos son marróns e moi grandes cunhas longas pestanas. É bastante alta e moi delgada. Gústalle a nosa comida e, en especial, as hamburguesas. 

As cousas que máis a  impresionaron de toda a casa foron: a billa, a tele, o ordenador e as máquinas de videoxogos. Contounos que vivía nun campamento con  37 familias. Ten tres irmáns: o maior ten 19 anos e chámase Kenseyk, as dúas irmás pequenas teñen sete e cinco anos. A maior é a que vai vir para o ano, chámase Mahudaa e a pequena Shila.

Cando Jade veu viña moi descoidada. Aquí levámola ó centro médico e ó dentista, este púxolle aparatos nos dentes.

O último ano que nos visitou estaba moi triste porque  ía casar. Aquí pareceunos raro que unha nena de 15 anos fose casar tan nova. Xa levaba comprometida desde os 11 anos.

Agora Jade ten 17 anos. Seguimos mantendo contacto con ela e mandámoslle diñeiro para manter  os seus fillos. Para min foi como unha irmá maior."




Palabras de Caramelo" obra Pasai San Pedron

O RAP DO LIBRO



Rap do libro elaborado pola Biblioteca escolar do CEIP Barrié de la Maza-Santa Comba (A Coruña) para  o Día do Libro do ano 2010. Cantado por JHARECK (IAGO REY). VOCES CONTADORA DE SOÑOS, ANGELA, CARLOS, MARTIN, SONIA E MARIA.

Feliz aniversario XABARÍN!


Hoxe o Xabarín Club está de aniversario. Celebramos a súa maioría de idade, ten os mesmos anos que o noso alumnado de 2º de BACH. Creceron vendo as súas series e escoitando as súas músicas. A achega que supuxo a emisión deste programa para a normalización da nosa lingua en Galicia é moi superior á de moitas outras iniciativas. Daquela hoxe é o día de felicitalo a el e a todos aqueles que o fixeron posible

"Manolito ten un segredo"

Esta é a nosa nova lectura do club de 2º da ESO. Con ela están a rir moito porque conectan perfectamente co personaxe de Manolito, xa coñecido para eles doutras lecturas e da adaptación cinematográfica.

Rematamos a lectura de "Mundo Arb"

A ilustración da portada é de Jacobo Fernández Serrano.
O grupo do club de lectura de 2º da ESO rematou a lectura Mundo Arb. Esta obra de Manuel Lourenzo González supúxolles unha viaxe cara ó descoñecido e cara ó coñecemento asemade.



Os habitantes desta grande árbore, que constitúe Mundo Arb, preséntansenos como perfectamente inseridos no seu medio natural arborense no primeiro capítulo. Así aparecen ante nós os veciños de Uñagará: Elía de Uñagará, o ferreiro; dona Luzai, a mestra; Xesó Marpai, o panadeiro; Giuliano, o libreiro; don Rug, o sanitario; Xearo Crus, o poeta; dona Ulinda, a florista; Saimón o Xordo, o taberneiro; entre outros moitos. Nas breves pinceladas que describen todos estes personaxes ecoan as mellores semblazas cunqueirianas. Todos eles son arborenses dun territorio definido polos límites xeográficos da grande árbore, dividida nas súas pólas: Póla Revirada, Póla Fungueira, Póla Cumieria ó redor do Groso Coumón Ergueito e estratificada en Medarb, Surlestarb e Terra Baixo Arb. Este mundo está rodeado dunha mesta vexetación que dá paso ós máis variopintos topónimos: Ritordáns, Oureal, Leiroá, Olmainsí, Presep, Traquebrás, Dailca e moitos máis.


Serán tres personaxes adolescentes os que inicien a viaxe prohibida: Clar, Aroi e Hilda. O seu destino final é Terra Abaixo Arb. A súa existencia é un misterio.



Moebius


Os nosos protagonistas gozan de habilidades especiais como a de ser nadadores do aire, algúns con título da Academia de Nadadores do Aire, ou a posibilidade da transmentación para comunicárense entre eles.

A fauna que os rodea funciona, nuns momentos, como aliada,  é o caso das golulas minsai, aves que lles permiten o transporte aéreo. Mentres que noutros intres, preséntase como un perigo que hai que sortear, grandes aves de rapina, que aparecen cando se alonxan da enramada arbórea que os protexe.

A viaxe, que é o elo que os une, permítelles coñecer novos mundos e, asemade, autocoñecerse. Exploran os seus propios límites ó mesmo tempo que os do mundo que os rodea, sorteando todo tipo de perigos. O personaxe masculino, Aroi, preséntase como líder entre as dúas personaxes femininas, Clar e Hilda. A súa identidade non se nos revela ata o final. As rapazas asumen o protagonismo cando é preciso, sobre todo Clar, que comeza a viaxe en solitario e é capaz de continuala pese a perder os seus acompañantes.


En definitiva, Mundo Arb é un canto ecolóxico á importancia de todos e cada un dos elementos que conforman o cosmos por insignificantes que nos parezan.

"Luna"



Luna - A Short Film from Rainmaker Entertainment on Vimeo.



"Luna " é unha pequena historia sobre o enganosa que pode ser a atracción e o amor non correspondido. Producida e escrita por Catherine Winder.

"Apaixonados"










Narración da historia de Rébecca Dautremer: Apaixonados.
Traballo realizado em PhotoStory para o Curso de Pós-graduação Gestão de Bibliotecas Escolares - ISLA de Leiria



Temos aquí un bo exemplo para achegarnos ós bonitos álbums ilustrados que nos ofrece o mercado editorial a través do portugués, xa que non podemos facelo a través do galego.

San Valentín 2012



Doodle animado de Google, con motivo do día de San Valentín 2012.

"Os fantásticos libros voadores do Sr. Morris Lessmore"





Curtametraxe de animación que, baixo o título orixinal "The Fantastic Flying Books of Mr. Morris Lessmore" de William Joyce e Brandon Oldenburg, está nominada ó Óscar deste ano.

"Marie Antonietta"





O noso club de 3º da ESO, na súa xuntanza de xaneiro, estivo a ver a película María Antonieta de Sofía Coppola para familiarizarse co contexto histórico que encontrarán na súa seguinte lectura: "O enfermo imaxinario"