LEDICIA COSTAS


 O pasado 10 de abril contamos coa presenza da escritora Ledicia Costas no noso centro. A autora departiu co alumnado de 1º de ESO sobre o libro "Mortos de Ningures". Explicoulles ós rapaces como se escribe un libro a medias con outro escritor. Neste caso Pere Tobaruela. Trátase dun proceso no que empregan unha escaleta,  na que ambos os dous van escribindo cada unha das partes individualmente, logo de decidir a temática do libro. As longas conversas telefónicas e o grupo de WhatsApp, no que tamén está incluído o ilustrador do libro, Andrés Meixide, axudan a poñerse de acordo neste labor colectivo. 

 A escritora respondeu todo tipo de preguntas. Comentou que ela comezou a escribir moi nova, sendo adolescente e que seus pais pensaron que sería algo pasaxeiro que se lle pasaría coa idade. Tamén lles contou como coñecera a Pere Tobaruela nun encontro de escritores que realizaban o camiño de Santiago en autobús. 

 Sobre o libro os rapaces expresaron a súa preocupación porque a protagonista, a inspectora Nola non tivese un home para sobrelevar o coidado dos seus xemelgos. O alumnado do club de lectura, que leu tamén a segunda aventura desta teimuda investigadora no libro "Ouro Negro",  preguntou sobre o futuro do seu axudante, o gato Lolo, posto que estaban intrigados coa sorte que puidera correr tras o súa caída ó mar tinguido chapapote.

 Ledicia Costas tamén reivindicou  a importancia da novela infantil e xuvenil, e a súa escrita en galego como a única posible, posto que ela é galega. Con respecto a esta cuestión estes libros tamén verán a luz en setembro en castelán e catalán. Finalmente tentamos agradecer a súa presenza a través da lectura dun dos seus poemas levada a cabo pola alumna Clara Moldes de 1º ESO C. Agardamos poder volver a contar coa súa presenza entre nós.

O NON VISTO DE "ERA VISTO"

A actriz Isabel Risco, que interpreta a personaxe que nunca se ve
 na serie "ERA VISTO", levouse este ano un dos premios MESTRE MATEO do audiovisual galego.