LIBROS COMA AREA recibe A PRAIA DAS PALABRAS




Unha maridaxe perfecta de salitre e lecturas



O noso roteiro deste ano levounos o día 22 de maio á Costa da Morte. Primeiro paramos en Muros, logo diríximonos a Carnota para coñecer o seu afamado cabazo e, así mesmo, gozamos das vistas do Pindo até chegar a Ézaro, onde puidemos contemplar a desembocadura do río Xallas en fervenza.

A seguinte parada foi en Cee para realizar o encontro co club de lectura: LIBROS COMA AREA do IES Agra de Raíces. O recibimento non puido ser mellor. Alí intercambiamos as nosas lendas coas súas. Eles contáronnos: unha sobre o nome da Costa da Morte, outra do monte de San Guillerme en Fisterra, a da Barca de Muxía, e da Furna Buserana. Nós levabamos a do Con da Romaíña, a da praia da Lanzada e a de San Ero da Armenteira. O encontro completouse co intercambio de impresións sobre lecturas dos respectivos club. Eles recomendáronos: A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre e Enderezo descoñecido de Kressman Taylor. Nós recomendámoslles: Flor de Area de Manuel Lourenzo González e Mortos de Ningures e Ouro Negro de Pereledi. Finalizamos cos respectivos agasallos, eles entregáronnos uns pequenos cadernos con cadanseus bolígrafos e nós agasallámolos coas tortas de gominolas que levabamos para celebrar os respectivos aniversarios dos grupos dos clubs: cinco (1º de bacharelato), dous (2º de ESO) e un ano (1º de ESO) respectivamente.

Xa para finalizar o noso roteiro, pola tarde, achegámonos ao Finis Terrae para coñecer a nosa particular fin do mundo e a vila e faro de Fisterra.

Moitas grazas a Susana López Bugeiro, Manuel Carande, Esperanza e demais profesorado e alumnado por recibirnos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario