A lenda do CON DA ROMAÍÑA


Foto de Samantha Díaz Durán
Con da Romaíña (Nantes) . Foto de Samantha Díaz

O día 22 de maio o noso club de lectura realizou un encontro co club de lectura: "Libros coma area" do IES Agra de Raíces de Cee.

Aproveitamos o encontro para intercambiar, entre outras cousas,  lendas das nosas respectivas comarcas. O traballo previo consistiu en que os nosos clubeiros  recollesen das familias ou vecindario  lendas que se conservasen  na oralidade. 

Unha das que levamos para contar en Cee, foi esta do CON DA ROMAÍÑA recollida por 

Samantha Díaz Durán. (1º de bacharelato A). Estas fotos son tamén da súa autoría.

Foto de Samnatha Díaz


Na parroquia de Nantes vivía un home chamado Manolito “O currutaco", que era moi valente e arriscado. Non lle tiña medo a nada nin a ninguén. Contan que un día chegou a aldea un paraugueiro vello. O paraugueiro, ó enterarse da fama de Manolito, díxolle  que se era certo que non coñecía o medo, fose unha noite de lúa chea, ó  Con da Romaíña e que agardase alí a que a campá da igrexa dese as doce da noite.


 Pasadas dúas semanas chegou unha noite de lúa chea, así que Manolito dirixiuse ó Con e alí agardou a que a campá dese as doce da noite. Cando soaron as doce campás abriuse unha porta na grande rocha da que saíu unha moura, a cal lle dixo a Manolito que era unha muller encantada e que cando el atopase o tesouro escondido na rocha, ela quedaría libre de encantamento. A moura guiou a Manolito ó interior do con. Levouno ante o tesouro, pero cando este lle ía botar a man, a moura converteuse nunha inmensa serpe que se lle botou enriba. Manolito, que era forte e valente, agarrouna polo pescozo e comezou a estragoala. Cando rematou a pelexa, Manolito estaba esgotado e morto de medo, pero aínda tivo a forza de facerse co tesouro. Saíu correndo escaleiras arriba cara  a saída da rocha, pero cando chegou ó alto comprobou con horror que a porta do con estaba pechada. Dese xeito, foi como Manolito remataría morrendo no interior do Con da Romaíña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario