O MALTRATO "SUTIL"




"O  maltrato sutil" é un conto que trata o tema de como a propia sociedade xera unha falta de autoestima na muller que facilita o maltrato.

"La dijeron..."


VISITAMOS A ANTONIO REIGOSA EN LUGO


O pasado día 23 de maio visitamos a cidade de Lugo para encontrármonos co escritor Antonio Reigosa, do cal o noso grupo de 1º de ESO leu: "Lu e Go pola muralla". 



A nosa guía, Ana Corredoira, recibiunos na Estatua dos Fundadores, na praza Maior, e a continuación iniciamos o noso particular roteiro pola muralla, seguindo os pasos dos personaxes da novela, aínda que o noso periplo foi en sentido inverso ó realizado polo gato e o rato protagonistas da nosa historia. Subimos ó adarve polas escaleiras de Campo Castelo e achegámonos ata a Porta Miñá, para baixar pola rampla fronte á catedral. A seguir, Antonio Reigosa departiu connosco na praza da Soidade, por el soubemos que Lu e Go están perfectamente recuperados despois do seu paso polo sanatorio, polo tanto calquera día podemos atopalos de novo en Lugo.  Finalmente visitamos  o Centro de Interpretación da Muralla e a Casa dos Mosaicos.


A cidade de Lugo achéganos un amplo abano de estatuas dedicadas ós nosos escritores, pasear pola cidade é unha pequena clase de literatura. Fotografiarnos coa estatua de Ánxel Fole ou co poema "Verao"de Luís Pimentel   incrustado nun tronco dunha árbore da praza Maior foi unha festa para todos nós.

"Vicent" en galego



Aplaudimos esta iniciativa do club de lectura As catro esquinas do quinto do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense) de dobrar esta curta de Tim Burton ó galego. Trátase dunha das nosas curtas preferidas, que xa comentamos nos nosas sesións porque serve para exemplificar moi ben as inevitables relacións da literatura e o cine que tanto nos gustan. E agora ademais poderemos desfrutala en galego.

Esta curta recrea as influencias  que a literatura de Edgard Allan Poe ten na vida do protagonista da historia, Vicent Malloy. Este preséntasenos como un seguidor afervoado das historias terroríficas do grande escritor inglés ata o punto de sufrir unha quixotización de non distinguir ben a fantasía da realidade

"CRIATURAS" DE RVB


A compañía Tangatutanga Teatro (Marta González e Carolina Alba Castro Estévez) escenifica un fragmento de "Criaturas" (escena 2) de Roberto Vidal Bolaño dentro das Xornadas das Letras Galegas 2013 en Madrid no Paraninfo de Filoloxía, Universidade Complutense.


ROBERTO VIDAL BOLAÑO INTERACTIVO



Compartimos esta imaxe interactiva de Roberto Vidal Bolaño creada polo profesor Ignacio Rodiño, do IES Leliadoura.

Visita de SANTIAGO LOPO e MANEL CRÁNEO



Dentro das actividades desenvoltas na Semana das Letras contamos con dous interesantes autores galegos: SANTIAGO LOPO  e MANEL CRÁNEO.




SANTIAGO LOPO visitounos o luns 13 para achegarnos á escrita en galego. Presentouno a súa compañeira e amiga, Isabel Fernández,  e falounos das súas obras Game Over, Peaxes  e Hora Zulú. O noso club de lectura de 4º leu a súa novela Peaxes.





MANEL CRÁNEO, autor de bandas deseñadas como Os lobos de Moeche e Cousas de mortos, estivo connosco o martes 14. Presentouno  o noso ilustrador Eduardo Baamonde. Ofreceunos un obradoiro, que nos achegou á linguaxe do cómic e tamén departiu co alumnado do club de lectura de 4º sobre a súa obra Cousas de mortos.

"A menina do mar"


O noso club de 1º da ESO está a ler "A menina do mar" de Sophia de Mello Breyner Andresen. Con esta experiencia estamos aachegándonos  ó portugués, co cal tamén nos estamos a converter nun club de lingua.

A continuación podemos ver unha adaptación deste conto en stop motion e unha presentación cunha biografía da autora.


"Cousas de mortos" de Manel Cráneo

MAÑÁ, MARTES 14, ESTARÁ CONNOSCO 
MANEL CRÁNEO. 

Pechamos así unha semana de actividades das LETRAS GALEGAS que inciamos hoxe coa visita do escritor Santiago Lopo. Desenvolverá un obradoiro de cómic co alumnado de 4º da ESO, entre os que se atopa o do club de lectura, que leu o seu cómic "Cousas de mortos"


Nestes blogs temos máis información sobre o autor: 

 http://manelcraneo.blogspot.com.es/ 

http://craneomortem.blogspot.com.es/


KARAOKE: "Meu o mundo é!"

"Peaxes" de Santiago Lopo

Na xuntanza de onte estivemos a comentar a áxil estrutura da novela  dividida en breves capítulos, que levan como título cada día da semana. Nos que un narrador protagonista, que traballa de cobrador nunha peaxe da autoestrada, vai relatando o seu rutinario traballo. No que os personaxes da trama serán os distintos usuarios  identificados pola marca do seu coche: Clío, Golfiña, Ibiza, Grand Cherokee, Matiz el e Matiz ela, que conforman unha historia cos breves retallos das súas vidas, que el vai anotando ó son dunha salientable banda sonora, as músicas que escoitan nos seus coches e que, finalmente, se converten na escusa para encontrarense fóra da vida imaxinaria que lles outorgara o narrador.

A música foi a protagonista principal da xuntanza. Os rapaces estiveron a buscar na rede as cancións que aparecen citadas na novela. Deixamos aquí unha mostra dos RemolcaMadriña, que tamén son personaxes nesta historia.

Santiago Lopo visitaranos o luns para celebrar as Letras Galegas.

"THIS SIDE UP"



This Side Up - HD from Daniel Knauer on Vimeo.

Outra curta de animación que non debemos perdernos dentro da nosa xa ampla colección.

Dános unha visión irónica e retranqueira do mundo tecnoloxizado no que habitamos e as angustias e frustracións que nos pode provocar o emprego de todos os recursos que este nos ofrece.

"OS NOSOS VERSOS"


O mes de abril no noso club de 1º estivo dedicado á nosa poesía. Achegámonos a ela a través da antoloxía de Antonio García Teijeiro editada por Xerais:"Os nosos versos"


Dentro desta escolma cada un dos clubeiros escolleu o poema que máis lle gustase para ler en voz alta. Os poemas rosalianos foron dos que máis veces se recitaron, contribuímos así a celebrar o 150 aniversario dos nosos "Cantares gallegos"

PERE TOBARUELA con nós

A mellor maneira de celebrar o  Día do Libro por anticipado no noso centro foi poder contar coa presenza do escritor Pere Tobaruela grazas á colaboración da editorial Everest Galicia.



O autor de Viaxes dun can de palleiro e coautor de Mortos de Ningures charlou animadamente dun xeito ameno e próximo co noso alumnado de 1º de ESO sobre como un catalán coma el aprendeu galego e como perdeu a vergonza para poder falalo, converténdose en todo un exemplo de integración e respecto cara a nosa lingua. Confesou que a súa dedicación á escrita foi tardía, comezou a escribir con 34 anos. Así mesmo, tamén nos contou como coñeceu a Ledicia Costas  e decidiron escribir un libro  xuntos, de feito agora xa van polo segundo, xa podemos atopar nas librerías a continuación das aventuras da inspectora Nola e o seu gato Lolo baixo o título Ouro negro.

"Manel Cráneo a desenhar!"



Con este fermoso vídeo de Séchu Sende  gravado no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, Pontevedra, imos abrindo boca ata poder desfrutar coa visita de Manel Cráneo ó club do noso instituto.

Premio para "Mortos de Ningures"

O libro Mortos de Ningures acaba de colleitar o premio FREI MARTÍN SARMIENTO na súa novena edición, correspondente á categoría de 1º e 2º da ESO. O noso club de lectura congratúlase deste ben merecido premio. Vaian os nosos parabéns para os seus autores Ledicia Costas e Pere Tobaruela e o seu ilustrador Andrés Meixide.

 
O vindeiro luns 22 de abril darérmoslle a noraboa en directo a Pere Tobaruela que virá a charlar co noso alumnado de 1º da ESO deste libro e da súa novela: Viaxes dun can palleiro.

DÍA MUNDIAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL




A organización sen ánimo de lucro, Save the Children, lémbranos que ata oito millóns de nenos e nenas traballan en condicións de escravitude no DÍA MUNDIAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL.

Neste documental titulado "Nenos do tear" temos unha mostra do que acontece en Paquistán.

"Frankenstein", do libro á película.



Ente as múltiples versións cinematográficas de "Frankenstein" escollimos esta dirixida e interpretada por Kenneth Branagh, na que Robert De Niro interpreta ó monstro,  para rematar as sesións dedicadas á lectura deste clásico da literatura.

Esta versión non é estreitamente fiel á novela, de aí que nos serviu para comparar as diferenzas coa trama argumental de Mary Shelley. Nela o tratamento do tema tórnase, ás veces, excesivamente épico, pero visualmtente o resultado é grandilocuente a todos os efectos.

"Portugal" de Cyril Pedrosa

Portugal de Cyril Pedrosa


Esta banda deseñada trata o tema da procura da identidade dun emigrante de terceira xeración e as sinuosas relacións de familia.

Simon Muchat é un debuxante de cómic que entra en crise persoal e laboral e decide darse un tempo a través dunha viaxe a Portugal, que lle devolverá a esencia das súas raíces familiares.

Nas ilustracións desta obra destaca poderosamente a recreación dos ambientes, a través da transcrición das conversas perdidas e da tonalidade das cores viaxamos co protagonista polos distintos lugares que lle devolverán as súas  súas raíces.


DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL



Hoxe celebramos o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL. Esta data foi escollida por coincidir coa do nacemento de Hans Christian Andersen. O autor de obras tan coñecidas como O patiño feo e A sereíña.

"O PUNTO"





"El punto" de PETER H. REYNOLDS.
 
Esta pequena fábula relátanos a importancia de dar o primeiro paso para fortalecer a propia confianza a través da crenza dos demais nas posibilidades que cada un de nós porta dentro de si.

"Ardalén"


Abre as páxina de Ardalén e entrarás nunha obra que non deixará de engaiolarte.
Trátase dunha historia en torno á memoria. A memoria persoal dos personaxes acaba mesturada coa colectiva, a procura da súa identidade lévaos a compartir as súas relembranzas e recordos nun naufraxio onírico.

Nesta obra están presentes desde o ton poético ata o máis filosófico. Así mesmo, o debuxo está acompañado de textos xurídicos ou administrativos cun achegamento máis realista.

A novela gráfica, cuxo título é un vento do outro lado do océano, lévanos desde a Galicia da actualidade coa historia dun ancián, que foi un neno orfo durante a Guerra Civil, ata a a emigración ás Américas dos anos 50, co relato dun home que embarca e deixa atrás a súa familia.



DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


No Día Internacional da Muller achegamos tres interesantes recursos para podermos seguir lendo.

Tom e Jerry




  • "Tom é un gato e Jerry é un rato, personaxes principais dunha serie de debuxos animados que comezou a emitirse en 1940. O argumento sempre é o mesmo, Tom persegue a Jerry sen alcanzalo case nunca. O ingrediente máis usado nestas curtas é a violencia extrema. Moi extrema"
Con esta aclaración é como remata a nosa lectura de Lu e Go pola muralla de Antonio Reigosa. O gato Lu e o rato Go reciben unha terapia consistente en pórlles de continuo capítulos desta famosa serie de debuxos animados.