Unha maridaxe perfecta de salitre e lecturas
A lenda do CON DA ROMAÍÑA
| Con da Romaíña (Nantes) . Foto de Samantha Díaz |
O día 22 de maio o noso club de lectura realizou un encontro co club de lectura: "Libros coma area" do IES Agra de Raíces de Cee.
Aproveitamos o encontro para intercambiar, entre outras cousas, lendas das nosas respectivas comarcas. O traballo previo consistiu en que os nosos clubeiros recollesen das familias ou vecindario lendas que se conservasen na oralidade.
Unha das que levamos para contar en Cee, foi esta do CON DA ROMAÍÑA recollida por
| Foto de Samnatha Díaz |
Na parroquia de Nantes vivía un
home chamado Manolito “O currutaco", que era moi valente e arriscado. Non lle
tiña medo a nada nin a ninguén. Contan que un día chegou a aldea un paraugueiro
vello. O paraugueiro, ó enterarse da fama de Manolito, díxolle que se era certo que non coñecía o medo, fose
unha noite de lúa chea, ó Con da Romaíña
e que agardase alí a que a campá da igrexa dese as doce da noite.
Pasadas dúas semanas chegou unha noite de lúa
chea, así que Manolito dirixiuse ó Con e alí agardou a que a campá dese as doce
da noite. Cando soaron as doce campás abriuse unha porta na grande rocha da que
saíu unha moura, a cal lle dixo a Manolito que era unha muller encantada e que
cando el atopase o tesouro escondido na rocha, ela quedaría libre de
encantamento. A moura guiou a Manolito ó interior do con. Levouno ante o
tesouro, pero cando este lle ía botar a man, a moura converteuse nunha inmensa
serpe que se lle botou enriba. Manolito, que era forte e valente, agarrouna
polo pescozo e comezou a estragoala. Cando rematou a pelexa, Manolito estaba
esgotado e morto de medo, pero aínda tivo a forza de facerse co tesouro. Saíu
correndo escaleiras arriba cara a saída
da rocha, pero cando chegou ó alto comprobou con horror que a porta do con
estaba pechada. Dese xeito, foi como Manolito remataría morrendo no interior do
Con da Romaíña.
"Endogamia 0.2"
A última obra lida polo club de lectura de 1º de bacharelato foi o libro de relatos: "Endogamia 0.2", que forma parte da triloxía que nos avanzou o autor que realizaría, cando nos visitou o ano pasado, para comentar "Exogamia 0.3", sobre temáticas que tira, nos máis dos casos, da actualidade dos xornais.
Así mesmo, grazas á xenerosidade de Ramón Caride tivemos a ocasión de ler antes da súa publicación, en rigorosa primicia, o primeiro relato: "Tan lonxe, tan preto". Este ano completamos, pois, a lectura deste libro cos seus outros dous relatos: "Mecánica da apocalipse" e "Alto rendemento".
En todos eles preséntanos a visión da nosa sociedade profundamente deshumanizada, onde a violencia de xénero aparece reflectida, tanto nos países menos desenvolvidos, como na casa dos nosos veciños. A corrupción política estraga, sen ningún tipo de pudor, o medioambiente e a vida de miles de persoas. E no campo da ciencia, o estudo de fármacos para novas enfermidades está manipulado polas mans de políticos que só serven os intereses do capital.
Tampouco debemos esquecernos das ilustracións de Manuel Busto que acompañan os relatos. Das cales xa puideramos desfrutar, tamén en primicia, o ano pasado cando, ambos os autores, visitaron o noso club.
En definitiva, unha obra que aínda que non foi a favorita dos nosos clubeiros este ano, dá para comentar moitas temáticas e moi interesantes en calquera club de lectura. De feito esperamos contar coas súas contribucións persoais en vindeiras entradas deste blog.
Etiquetas:
1º BACH.,
ILUSTRACIÓN,
LITERATURA,
Manuel Busto,
Ramón Caride
"Porque me sae do galego"
Este rap: "PORQUE ME SAE DO GALEGO", de GAMY. E o seu videoclip é un traballo para o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces. Parbéns polo traballo ben feito.
Santiago Lopo compartido co grupo de lectura do PCPI
O noso Club de Lectura de 2 º de ESO, que estivo a ler neste derradeiro trimestre "Game over", compartiu unha charla do seu escritor, Santiago Lopo, co grupo de lectura do PCPI, que tamén leu esta obra ademais da novela "Peaxes" deste mesmo autor.
Xuntanza da lectura: "Ouro Negro"
Estas fotos correspóndense á xuntanza do club de lectura de 1º de ESO do mes de abril, o libro escollido neste caso foi unha elección do grupo, que tras a lectura de "Mortos de Ningures", como libro obrigatorio, pediron encarecidamente que lésemos a continuación das aventuras da inspectora Nola en "Ouro Negro" no club. É unha mostra máis do éxito que teñen estes libros nos nosos grupos do club.
Recentemente visitounos Ledicia Costas, completando así a todos os autores que integran estas dúas obras. Andrés Meixide, o ilustrador, estivo tamén este ano con nós compartindo un obradoiro co grupo do club de 2º de ESO e o ano pasado contamos coa presenza de Pere Tobaruela. Alegrámonos conxuntamente cando o ano pasado se lles entregou o premio Frei Martín Sarmiento por "Mortos de Ningures" e aledámonos, novamente, porque proximamente aparezan estas obras en castelán e catalán.
Etiquetas:
1º ESO,
Andrés Meixide,
ILUSTRACIÓN,
LECTURA,
Ledicia Costas,
Pere Tobaruela,
PERELEDI,
XUNTANZAS
LEDICIA COSTAS
O pasado 10 de abril contamos coa presenza da escritora Ledicia Costas no noso centro. A autora departiu co alumnado de 1º de ESO sobre o libro "Mortos de Ningures". Explicoulles ós rapaces como se escribe un libro a medias con outro escritor. Neste caso Pere Tobaruela. Trátase dun proceso no que empregan unha escaleta, na que ambos os dous van escribindo cada unha das partes individualmente, logo de decidir a temática do libro. As longas conversas telefónicas e o grupo de WhatsApp, no que tamén está incluído o ilustrador do libro, Andrés Meixide, axudan a poñerse de acordo neste labor colectivo.
A escritora respondeu todo tipo de preguntas. Comentou que ela comezou a escribir moi nova, sendo adolescente e que seus pais pensaron que sería algo pasaxeiro que se lle pasaría coa idade. Tamén lles contou como coñecera a Pere Tobaruela nun encontro de escritores que realizaban o camiño de Santiago en autobús.
Sobre o libro os rapaces expresaron a súa preocupación porque a protagonista, a inspectora Nola non tivese un home para sobrelevar o coidado dos seus xemelgos. O alumnado do club de lectura, que leu tamén a segunda aventura desta teimuda investigadora no libro "Ouro Negro", preguntou sobre o futuro do seu axudante, o gato Lolo, posto que estaban intrigados coa sorte que puidera correr tras o súa caída ó mar tinguido chapapote.
Ledicia Costas tamén reivindicou a importancia da novela infantil e xuvenil, e a súa escrita en galego como a única posible, posto que ela é galega. Con respecto a esta cuestión estes libros tamén verán a luz en setembro en castelán e catalán.
Finalmente tentamos agradecer a súa presenza a través da lectura dun dos seus poemas levada a cabo pola alumna Clara Moldes de 1º ESO C. Agardamos poder volver a contar coa súa presenza entre nós.
Etiquetas:
1º ESO,
EDL,
ENCONTROS CON AUTORES,
Ledicia Costas,
PERELEDI
O NON VISTO DE "ERA VISTO"
A actriz Isabel Risco, que interpreta a personaxe que nunca se ve
na serie "ERA VISTO", levouse este ano un dos premios MESTRE MATEO do audiovisual galego.
Obradoiro de ilustración. Andrés Meixide
O pasado xoves 20 de marzo estivo co grupo do Club de 2º da ESO o ilustrador Andrés Meixide. Primeiro explicoulles que tipo de traballo fai un ilustrador, que non só é o de ilustrar os libros de lectura que lles gustan, senón tamén libros de texto, carteis, caixas de angulas ou coches do exército.
A continuación puideron aprender a técnica para debuxar os seus personaxes favoritos de "Mortos de Ningures" e "Ouro Negro"
Etiquetas:
2º ESO,
ACTIVIDADES,
Andrés Meixide,
ILUSTRACIÓN,
OBRADOIROS,
VÍDEOS
Un poema para o Día Mundial da Poesía.
No Día Mundial da Poesía podemos escoitar este poema escrito pola insigne autora portuguesa, Sophia de Mello Breyner Andresen, que leva por título "Casa branca" e foi publicado en 1944, no seu libro Poesía I.
Andrés Meixide estará este xoves no club de 2º ESO
Mañá realizaremos un obradoiro de ilustración no grupo do Club de 2º de ESO. O noso profesor será o ilustrador de dúas das lecturas favoritas destes rapaces: Mortos de Ningures e Ouro Negro, Andrés Meixide. Podemos desfrutar coa obra deste autor na súa tira diaria publicada en La Voz de Galicia
Jane Austen, unha escritora, para celebrar o 8 de marzo.
Deixámosvos aquí o documental sobre a escritoria JANE AUSTEN como celebración dun novo 8 de marzo, que segue a reinvindicar o traballo feito polas mulleres, independentemente do seu xénero, ó longo do tempo
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.
"Flor de area" por David Güimil
Flor de Area é un libro narrado dende a perspectiva dunha rapaza de orixe iraquí, Amrah, que conta unha parte da súa vida ao longo da novela. Esta rapaza, co único soño de converterse nunha futura arquitecta, está destinada a un futuro concertado, no que terá que casar cun home que non elixiu ela, senón seu pai.

Flor de Area é a continuación de Irmán do vento, pero esta vez a protagonista é Amrah, e mostra a situación do seu país dende a súa perspectiva. Móstrase un Iraq con ideas radicais, no que a muller é un 'obxecto' do home, e vive sometida a eles. No libro vese claramente no momento en que Amrah, tendo o matrimonio concertado, nota que Dimas Ber, que vai ser o seu futuro marido, obrígaa a deixar os estudos ou a pór o burka. Empeza a sometela á súa autoridade, cousa que Amrah non está polo labor de aceptar, e acaba por escapar deste tortuoso futuro.
Amrah tamén relata a historia con Khaled, que é o protagonista de Irmán do vento. Este personaxe presenta primeiro o reencontro amoroso coa súa amada, a propia Amrah, que tras un longo tempo separados vólvense ver e consuman o seu amor.
Khaled perde a vida nunha suposta "explosión" dunha bomba na súa casa, pero ao longo da historia vencéllaselle coa traizón xunto coa armada americana. A morte tráxica vén acompañada dun pequeno descendente no ventre de Amrah, Khaled marcha ao outro mundo, pero deixa a Amrah embarazada, cousa que lle pode traer moitos problemas.
Amrah entón, escapa, acudindo á nai. A súa nai tivo un destino parecido, ao ser expulsada por parte do seu pai por non seguir as mesmas ideas que este apoiaba. Así este acusouna de adulterio, e ela tivo que marchar a outra vila, aínda que polo menos salvouse dunha posible lapidación. Nesta viaxe na procura da súa propia vida, Amrah reencóntrase cun vello amigo, o cal lle conta a "verdadeira" historia do seu amado Khaled, á vez que a involucra nos seus asuntos políticos. De aí que Amrah se transforme nunha espía para o seu país e se vexa obrigada a seducir ó coronel americano Luke Mortimer para gardar a honra do seu amado morto. Todo isto conducirá a súa vida e a da súa familia a un explosivo final que deixamos aquí sen contar para animar á lectura desta novela.
_____________________________________
Manuel Lourenzo González, o autor do libro, visitou o noso club nun encontro que se realizou o pasado 13 de febreiro. Eu non puiden asistir ese día á xuntanza do club, de aí que lles preguntei ás miñas compañeiras e compañeiros, que foi o que lles resultara máis interesante desta charla.
O escritor contoulles que para meterse na pel dunha rapaza árabe, viuse nunha tarefa moi complicada. De feito o propio escritor entregoulle o manuscrito a un poeta de orixe árabe, que era amigo del, para que así lle aconsellara sobre que facer. Unha pequena anécdota que lles relatou foi a de que o poeta, aconselloulle quitar as flores como regalo que lle ía facer Haytham a Amrah, xa que no seu país iso era inconcibible pola situación que estaba a atravesar a rapaza.
Tamén se comentou o moito que gustaron os fragmentos soltos do libro do propio Khaled, que aparecen espallados ó longo de toda a novela a modo de contos e poemas inspirados na tradición literaria árabe.
Outras preguntas que xurdiron foron as seguintes coas súas respostas:
- -"Por que unha novela sobre a guerra?"
- +"Primeiro porque quería continuar o primeiro libro, Irmán do vento e,segundo, porque tiña ganas de falar sobre un tema como é a guerra. De feito, mesmo me tiven que informar moito sobre os acontecementos da guerra, e datos históricos para poder tratar o libro con éxito."
- -"Por que aparece Obama no libro?"
- +"Máis ben, por que non? Pareceume interesante introducilo, ó final isto é ficción, pero aínda así é verosímil a súa aparición, xa que os feitos acontecen coa entrada de Obama ó poder, e pode coincidir este feito, non é nada tan raro."
"Illas, faros e varados" de E. Baamonde
Nada mellor que engadir á nosa praia de palabras as illas, faros e varados do noso colaborador, o pintor Eduardo P. Baamonde.
Xuntanza con Manuel Lourenzo González no club.
O pasado xoves, 13 de febreiro, contamos na nosa xuntanza de 1º de bacharelato co escritor Manuel Lourenzo González. Puidemos achegarnos á súa novela, Flor de area, desde a voz do seu autor, relatounos a súa querencia por esta historia que xa empezou con Irmán do vento, e o reto que supoñía para el achegarse a unha cultura allea, como é a árabe e introducirse na psicoloxía da protagonista, Amrah, unha rapaza nova. Describiunos o proceso de elaboración da novela, comentou como goza na primeira parte de construción da trama e como as de documentación e corrección son as partes máis tediosas para el.
Os nosos clubeiros fixeron moitas preguntas sobre a evolución da psicoloxía dos personaxes, as peripecias da trama e o seu desenlace. Así mesmo, expresaron a seu gusto pola estrutura da novela, na que se introducen anacos do libro de Khaled, a modo de contos, sentenzas ou poemas que beben da tradición do conto popular árabe. O autor comentou o seu gusto por crear estas pezas breves, e pese a que a que en moitos delas emprega unha linguaxe poética, el di non considerarse un poeta. Serán, pois, obra da súa personaxe Khaled estas pequenas xoias literarias:
construín un labirinto. Agora,
á vez que subimos a escaleira, baixámola,
cada vez que entramos, estamos a saír,
cando con ansia nos buscamos, perdémonos,
cando cremos que estamos espertos, soñamos.
Se non queres vivir máis nela, entendereino,
aínda que nunca o saberei, porque non mo estarás
dicindo."
Un guión de "ERA VISTO"
"Os marcos" é un capítulo de Era visto co que poderemos traballar o teatro co tema do noso patrimonio como fondo. Esperamos divertirnos e pasalo ben co grupo de 1º de ESO.
| “OS MARCOS” 1. CASA. SALÓN. DÍA MONCHO, ELVIRA Moncho e Elvira están falando. MONCHO: Estiven pensando e vou construír un fin de semana na Recollida. ELVIRA: Pero que dis? Nesa finca non che deixan construír. A MONCHO: Teño unha finca. A Recollida, xa a coñecedes (Plano da finca) Quero construír o que tradicionalmente se coñece como un fin de semana. Que é o fin de semana? Unha das cousas que máis nos identifica como galegos. MONCHO: REFACER Planto alí un caseto para poder pasar o fin de semana e un sitio para facer churrasco e, como quen non quere a cousa. Pouca cousa. Quen me vai impedir facer iso? ELVIRA: Non che deixan porque non tes permiso. A Recollida non é unha finca edificable. MONCHO: Por cinco metros de nada. ELVIRA: Polo que sexa, non tes permiso. B MONCHO: PESCAR OS MESES QUE ELSES DIGAN, QUE TES QUE CAZAR AS ESPECIES QUE ELES DIGAN E ATA PARA CONSTRUIR. É que van contra todo, que se non podes ser pescador furtivo, que se tes que pagar impostos, que se non podes beber se conduces. Agora isto tamén. A onde imos chegar? 2. BAR. INT. DÍA MONCHO, LINO, PUSKAS PUSKAS: Pois agora é o momento de intentar solucionalo, que andan renovando o catastro. LINO: Puskas ten razón. É o momento, agora ou nunca. De quen é a finca do lado? MONCHO: De Don Anselmo. Ten unha morea de metros. Pero non lle deixan construír por non sei que hostias de patrimonio. LINO: Podías falar con el para que che venda eses cinco metros. PUSKAS: Lino, ti es sueco, ou suizo, ou algo así, non? Nestes casos hai que facer o tradicional, o que sempre se fixo: mover o marco e coller os cinco metros que precisas e morra o conto. MONCHO: Non sei, teño as miñas dubidas. PUSKAS: Moncho, por favor. Sempre se fixo así. Un pobo que non segue as súas tradicións está condeado a desaparecer. LINO: Puskas ten razón. Xa non é por ti. É por todos nós que tes que seguir co costume de mover os marcos. Para que non se perda ese costume de xeración en xeración. MONCHO: Tedes razón. Agora mesmo vou mover o marco. Só son cinco metros. Don Anselmo non se decata nin de coña. (Marcha) PUSKAS: Que orgulloso me sinto del. LINO: Si, señor. Ver que a xente faga por manter vivas as tradicións faime sentir ben. C MONCHO: Xa está, xa movín o marco. E xa de paso, como quen non quere a cousa, metín do meu lado unha pereira. Vai dar unhas peras bárbaras. En vez de cinco, collín oito metros. Pero cunha finca tan grande Don Anselmo nunca se vai decatar. 3. CASA. SALÓN. DÍA MONCHO, ELVIRA Falan sentados no sofá. ELVIRA: E xa postos a mover o marco, puideches coller algo máis. Non só a pereira. Puideches coller algunha arbore máis. MONCHO: Penseino, pero non quixen abusar. ELVIRA: E así podiamos facer o fin de semana un pouco máis grande. MONCHO: Non sei, co que temos xa nos chega. Non hai que ser avariciosos. ELVIRA: Veña, home. As cousas levan facéndose así desde sempre en Lameiro. Róuballes un pouco de finca ao veciño e listo. Xa non sabe ninguén o que de verdade era del, ou foi collendo. MONCHO: Para que queremos máis? ELVIRA: Mira que iamos ter un sitio moito máis grande para facer as churrascadas. D MONCHO: A miña Elvira sabe como gañarme, co estómago. Pois ala, ala vou a mover un pouco mais ese marco. 4.BAR. DÍA MONCHO, LINO, PUSKAS Moncho fala con Puskas e Lino. MONCHO: Agora non só teño eses cinco metros que necesitaba. Tamén teño unhas cantas árbores e un sitio grande de todo para facer unhas churrascadas de medo. PUSKAS: Ben feito. As cousas ou se fan ben, ou non se fan. LINO: E vaste quedar aí? MONCHO: Si. Creo que é mais que suficiente. Xa non preciso máis nada. LINO: Ese é o exemplo do espírito galego. Que non pensa no mañá. Falta de emprendemento, iso o que nos mata. PUSKAS: Aí está. Lino ten toda a razón. Moncho estaste comportando como un tipo moi egoista. MONCHO: O que? PUSKAS: Non estás pensando no teu fillo, nin nos fillos do teu fillo, nin nos fillos, dos fillos do teu fillo. MONCHO: Non vos sigo. LINO: Moncho, por favor. Pensa un pouco nas vindeiras xeracións. Se ambicioso, home. Así nos vai aos galegos. E MONCHO: Cando Lino e Puskas se poñen tan filosóficos dan medo. PUSKAS: Iso é. Colle uns metros máis. Non para ti, para a túa descendencia. Porque quedarte nun fin de semana, se podes facer un chalet como deus manda? LINO: E un bo garaxe. PUSKAS: Si, un bo garaxe é fundamental. MONCHO: Pero se só temos o meu coche e o quad de Kevin. LINO: Iso, ti non penses no día de mañá. É o día de mañá. E se queres ter un sitio para meter o chimpín como un bo galego? MONCHO: Non teño chimpín. PUSKAS: Que hoxe non teñas chimpín, non significa que non o vaias ter nunca. LINO: Moncho, por favor, como amigo cho digo. Vai coller uns metros máis e faite unha casa como deus manda. PUSKAS: Por Galicia, Moncho, por Galicia. MINIFUNDIO. BOTÍN, DUQUESA DE ALBA MOVERON O SEU IMPERIO MOVENDO MAROS F. MONCHO: Convencéronme. Ala fun. Non ía quedarme cun fin de semana, podendo ter un chalet como deus manda. Xa ían uns centos de metros máis. Pero Don Abselmo non se ía decatar. El ten moitas terras. 5. CASA. SALÓN. DÍA MONCHO, ELVIRA, KEVIN Elvira e Kevin semellan desgustados con Moncho. ELVIRA: Que tan egoísta es, Moncho. KEVIN: Mamá ten toda a razón. Non pensas nos demais. MONCHO: Non tiñamos nada, e agora podemos construír un chalet, temos árbores e un sitio para facer churrascadas. Que máis queredes? ELVIRA: Un sitio para poñer unhas rosas, que fan moi bonito. KEVIN: E unha piscina. MONCHO: De verdade precisamos todo iso? ELVIRA: Claro que si. E xa postos, non estaría mal unha pista de tenis pequena. MONCHO: Pero se nesta casa nunca xogamos ao tenis, nin fomos á piscina, nin a nada que se lle pareza? ELVIRA: E se o día de mañá queremos? KEVIN: Ou as xeracións vindeiras. G MONCHO: Outros máis con ese conto. ELVIRA: E podíamos facer outra cociña fora, para non manchar na casa. E unha casiña para invitados. KEVIN: E unha corte para cabalos. MONCHO: Pois non se fale máis. Alá vou a mover un pouco máis o marco. H MONCHo: Movín o marco unha vez máis. Xa collín como para facer un campo de fútbol. Para min que isto xa é avaricia, pero todo sexa por manter as tradicións e por Galicia. PASO DE DÍA. 6.BAR. DÍA MONCHO, LINO, PUSKAS Moncho fala con Lino e Puskas. MONCHO: Estades seguros de que non me pasei? LINO: Para nada, Moncho. MONCHO: E o que ía ser un fin de semana, agora vaise convertir nun chalet dos grandes con garaxe para chimpín, piscina, cociña fóra, casa para invitados, pista de tenis e corte para cabalos. PUSKAS: Os teus descendentes vancho agradecer de corazón. MONCHO: Xa postos a coller, collín tamén unha pedra, tipo antiga, que había tapada por unhas silvas. Vai ser bárbaro para facer unhas merendas. LINO: Moi ben, Moncho, xa vas collendo o concepto, si señor. PUSKAS: Mañá veñen a Lameiro os do catastro medir e xa vas ter terreo de sobra para facer o que queiras. Ben feito, Moncho, estou moi orgulloso de ti. I MONCHO: Pasaron os do catastro e agora teño mil metros e parcela coa pedra antiga e todo. Moito se fixaron na pedra, mira que son raros. A ver agora como se pon Don Anselmo cando se entere. 7.NAVE. DÍA MONCHO, ANSELMO Anselmo fala con Moncho. MESA DE PEDRA TIPO ANTIGA, CATRO PES TIPO LOUSA, RUSTICA, PRECIOSA... ANSELMO: Moncho, non sabes o feliz que estou. MONCHO: E logo? ANSELMO: Os de catastro estiveron medindo por Lameiro. MONCHO: (Disimulando) Non me diga? ANSELMO: Tiña unha finca morta de risa, non valía para nada, por culpa dunhas pedras, O FAMOSO DOLMEN DE LAMEIRO QUE NON LLE IMPORTA A NINGUÉN, dun monumento megalítico que tiña no medio. Un atraso, pero non me deixaban construír por culpa desa merda. MONCHO: E agora pode? ANSELMO: Si, porque un pailán, un pobre home, un burro de medo meteu as pedras nas súas terras. Agora xa non é problema meu. MONCHO: Unhas pedras, como son? ANSELMO: Tipo antigo, estaban tapadas por unha silva. Pero dá igual, agora o problema xa non é meu. MONCHO: Me cago en tal! ANSELMO: Que pasa, Moncho. MONCHO: Nada, nada. Cousas miñas. ANSELMO: Eu a construír un chalet de medo, coa súa piscina, a súa pista de tenis e ese pobre home a ollar as pedras. Vai comer monumentos megaliticos e eu co meu chalel. Viva o catastro! MONCHO: (Sen ningunha emoción) Viva. K MONCHO: Mira ti que ben, Iso pásame por facerlle caso a todos eles. Quedo sen chalet, sen fin de semana, sen nada. Home, teño unhas pedras tipo antigas. Todo por seguir as tradicións e facer as cousas como se fixeron sempre. Que desgraza a miña. PEDRAS TIPO ANTIGA, NIN SIQUERA ME DEIXAN UTILIZAR AS PEDRAS DE MESA, QUE NON SE PODEN UTILIZAR, ATRASO DE PAÍS. |
Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto


A semana pasada estivemos a comentar co grupo de 2º ESO a lectura d' O neno do pixama a raias. Xusto hoxe, día 27 de xaneiro, é o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto.Tamén aproveitamos a nosa xuntanza para ver parte da película inspirada no libro.
"Canción de choiva"
Con esta curta tentamos animarvos estas insistentes tardes de choiva. Nela cóntase a historia dun neno, que se atopa cun raposo e decide axudarlle baixo a choiva da cidade nunha aventura que o levará a coñecer un novo mundo.
"The song for rain" é unha curta realizada por Zheng Yawen como traballo de graduación.
Comentaremos "Flor de area"
Mañá temos a primeira sesión do club de bacharelato para comentar a novela que estamos a ler: Flor de area. Esta obra de Manuel Lourenzo González é unha continuación da súa anterior novela, Irmán do vento. Se na primeira o protagonista era Khaled, nesta serao a súa noiva, Amrah. De aí que agora continúa a historia despois da guerra de Iraq e centrarase en aspectos que atinxen fundamentalmente á perda de dereitos da muller neste contexto: os matrimonios concertados, a sharía, o veo islámico, que darán para termos unha xuntanza moi intensa debatendo estes controvertidos temas.
Bo Nadal!
Non queremos deixar pasar a ocasión de felicitarvos as Festas do Nadal coa ilustración do voso profesor Eduardo Baamonde.
Libros electrónicos para o Nadal
Hoxe chegaron os Reis Magos por adiantado para traernos os libros electrónicos que estreará o noso grupo de club de lectura pioneiro, o que está agora en 1º de bacharelato. Estrearémolos coa lectura do seguinte trimestre: Flor de Area de Manuel Lourenzo González. Esperamos que esta nova andaina en soporte dixital sexa un incentivo máis para os nosos lectores.
"Invictus", NELSON MANDELA.
Nelson Mandela recitaba en prisión este poema de William Ernest Henley para conseguir os azos suficientes para continuar:
INVICTUS
Fóra da noite que me cobre,
Negra como abismo de polo a polo,
Dou grazas ó deus que for
Pola miña alma inconquistable
Nas feroces poutas da circunstancia
Nin xemín nin berrei
Baixo os golpes do azar
A miña cabeza sangra, pero non se inclina
Máis alá deste lugar de ira e bágoas
É inminente o Horror da sombra,
E porén a ameaza dos anos
Atópame e atoparame sen medo.
Non importa o estreita que sexa a porta
Nin o cargada de castigos a sentenza
Son o amo do meu destino
Son o amo do meu destino
Son o capitán da miña alma
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










