Unha maridaxe perfecta de salitre e lecturas
A lenda do CON DA ROMAÍÑA
Con da Romaíña (Nantes) . Foto de Samantha Díaz |
O día 22 de maio o noso club de lectura realizou un encontro co club de lectura: "Libros coma area" do IES Agra de Raíces de Cee.
Aproveitamos o encontro para intercambiar, entre outras cousas, lendas das nosas respectivas comarcas. O traballo previo consistiu en que os nosos clubeiros recollesen das familias ou vecindario lendas que se conservasen na oralidade.
Unha das que levamos para contar en Cee, foi esta do CON DA ROMAÍÑA recollida por
Foto de Samnatha Díaz |
Na parroquia de Nantes vivía un
home chamado Manolito “O currutaco", que era moi valente e arriscado. Non lle
tiña medo a nada nin a ninguén. Contan que un día chegou a aldea un paraugueiro
vello. O paraugueiro, ó enterarse da fama de Manolito, díxolle que se era certo que non coñecía o medo, fose
unha noite de lúa chea, ó Con da Romaíña
e que agardase alí a que a campá da igrexa dese as doce da noite.
Pasadas dúas semanas chegou unha noite de lúa
chea, así que Manolito dirixiuse ó Con e alí agardou a que a campá dese as doce
da noite. Cando soaron as doce campás abriuse unha porta na grande rocha da que
saíu unha moura, a cal lle dixo a Manolito que era unha muller encantada e que
cando el atopase o tesouro escondido na rocha, ela quedaría libre de
encantamento. A moura guiou a Manolito ó interior do con. Levouno ante o
tesouro, pero cando este lle ía botar a man, a moura converteuse nunha inmensa
serpe que se lle botou enriba. Manolito, que era forte e valente, agarrouna
polo pescozo e comezou a estragoala. Cando rematou a pelexa, Manolito estaba
esgotado e morto de medo, pero aínda tivo a forza de facerse co tesouro. Saíu
correndo escaleiras arriba cara a saída
da rocha, pero cando chegou ó alto comprobou con horror que a porta do con
estaba pechada. Dese xeito, foi como Manolito remataría morrendo no interior do
Con da Romaíña.
"Endogamia 0.2"
A última obra lida polo club de lectura de 1º de bacharelato foi o libro de relatos: "Endogamia 0.2", que forma parte da triloxía que nos avanzou o autor que realizaría, cando nos visitou o ano pasado, para comentar "Exogamia 0.3", sobre temáticas que tira, nos máis dos casos, da actualidade dos xornais.
Así mesmo, grazas á xenerosidade de Ramón Caride tivemos a ocasión de ler antes da súa publicación, en rigorosa primicia, o primeiro relato: "Tan lonxe, tan preto". Este ano completamos, pois, a lectura deste libro cos seus outros dous relatos: "Mecánica da apocalipse" e "Alto rendemento".
En todos eles preséntanos a visión da nosa sociedade profundamente deshumanizada, onde a violencia de xénero aparece reflectida, tanto nos países menos desenvolvidos, como na casa dos nosos veciños. A corrupción política estraga, sen ningún tipo de pudor, o medioambiente e a vida de miles de persoas. E no campo da ciencia, o estudo de fármacos para novas enfermidades está manipulado polas mans de políticos que só serven os intereses do capital.
Tampouco debemos esquecernos das ilustracións de Manuel Busto que acompañan os relatos. Das cales xa puideramos desfrutar, tamén en primicia, o ano pasado cando, ambos os autores, visitaron o noso club.
En definitiva, unha obra que aínda que non foi a favorita dos nosos clubeiros este ano, dá para comentar moitas temáticas e moi interesantes en calquera club de lectura. De feito esperamos contar coas súas contribucións persoais en vindeiras entradas deste blog.
Etiquetas:
1º BACH.,
ILUSTRACIÓN,
LITERATURA,
Manuel Busto,
Ramón Caride
"Porque me sae do galego"
Este rap: "PORQUE ME SAE DO GALEGO", de GAMY. E o seu videoclip é un traballo para o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces. Parbéns polo traballo ben feito.
Santiago Lopo compartido co grupo de lectura do PCPI
O noso Club de Lectura de 2 º de ESO, que estivo a ler neste derradeiro trimestre "Game over", compartiu unha charla do seu escritor, Santiago Lopo, co grupo de lectura do PCPI, que tamén leu esta obra ademais da novela "Peaxes" deste mesmo autor.
Xuntanza da lectura: "Ouro Negro"
Estas fotos correspóndense á xuntanza do club de lectura de 1º de ESO do mes de abril, o libro escollido neste caso foi unha elección do grupo, que tras a lectura de "Mortos de Ningures", como libro obrigatorio, pediron encarecidamente que lésemos a continuación das aventuras da inspectora Nola en "Ouro Negro" no club. É unha mostra máis do éxito que teñen estes libros nos nosos grupos do club.
Recentemente visitounos Ledicia Costas, completando así a todos os autores que integran estas dúas obras. Andrés Meixide, o ilustrador, estivo tamén este ano con nós compartindo un obradoiro co grupo do club de 2º de ESO e o ano pasado contamos coa presenza de Pere Tobaruela. Alegrámonos conxuntamente cando o ano pasado se lles entregou o premio Frei Martín Sarmiento por "Mortos de Ningures" e aledámonos, novamente, porque proximamente aparezan estas obras en castelán e catalán.
Etiquetas:
1º ESO,
Andrés Meixide,
ILUSTRACIÓN,
LECTURA,
Ledicia Costas,
Pere Tobaruela,
PERELEDI,
XUNTANZAS
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)