Amosando publicacións coa etiqueta LITERATURA GREGA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LITERATURA GREGA. Amosar todas as publicacións

Comentamos "A asasina"

"A matanza dos inocentes"
(Catedral de Mondoñedo)
"Pero, pregúntovos teñen que nacer realmente tantas nenas? E se nacen, paga a pena crialas? Non é certo, dicía Frangoianis, que "Onde hai morte, non hai mala sorte?""

Esta é unha das frases que aparecen na novela A asasina de Alexandro Papadiamandis, na que a través do narratario e coas palabras literais da súa protagonista, Khadula, se expoñen os móbiles que levan a esta muller a cometer varios infanticidios femininos.

Movémonos nun  privilexiado espazo, a  pequena illa grega de Skiatos, nun tempo moi mísero durante o século XIX, onde a condición feminina está ligada fundamentalmente ó dote, que empobrece aínda máis as míseras familias. A emigración, o alcolismo e  a violencia aparecen reflectidos nos personaxes masculinos e o dote, o aborto, o remorso e a expiación da culpa serán os temas que van debullando as personaxes femininas, representadas por Khadula.

Como contrapunto traemos aquí a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, feminista ferrolá que no ano 1933 asasina a súa filla Hildegart. 





"A miña filla Hildegart" é  unha película dirixda por Fernando Fernán Gómez, baseada nesta asasina galega.

Mañá comezamos "A asasina"

   Mañá comezamos as xuntanzas do club co noso grupo pioneiro, o noso alumnado lector que hoxe está 1º de bacharelato. O libro escollido para este trimestre é unha tradución dun autor grego, ALEXANDROS PAPADIAMANDIS, da editorial Hugin e Munin. 
  
   O nacemento desta editorial é tamén unha moi boa noticia para a nosa lingua, porque se suma ás xa existentes para poder ofrecernos a oferta en traducións que precisamos, a día de hoxe, nunha lingua, que aínda sendo minoritaria, non quere perder o seu lugar no mundo. 
   
A novela introdúcenos nun tema tan espiñento como é o do asasinato. Tentaremos na nosa primeira reunión analizar un pouco esta temática desde a perspectiva que nos propón o autor, é dicir, desde dentro, ó tratarse dunha novela psicolóxica e non dunha novela negra como puidera pensarse inicialmente se nos fiásemos só do seu título. 
    
Daquela a nosa proposta para a xuntanza de mañá será visionar o documental : "El juego de la muerte" para tratar de achegarnos cunhas primeiras pinceladas a este tema.