Xuntanzas dos grupos do Club.

Estes son os nosos clubeiros do grupo de 1º de ESO, os que comezan este ano a súa andaina no Club. Están a ler: Tanis I, o Mocos de Manuel Lourenzo González.


Nestoutra foto, temos o grupo de 1º de BACH, o que xa leva cinco anos con este formando parte do Club de lectura. Son o noso orgullo, e con eles xa limos A asasina de Alexandros Papadiamantis. Tamén serán pioneiros no emprego dos nosos libros electrónicos, cos cales relizarán a súa seguinte lectura: Flor de Area de Manuel Lourenzo González.


"Ouro Negro" no noso club.


A xuntanza para comentar "Ouro Negro", o pasado xoves, coincidiu coa publicación da sentenza do Prestige, de aí que non foi nada difícil relacionar e tratar unha das súas temáticas fundamentais, xunto coas actuacións da xustiza. 

As aventuras da nosa inspectora para descubrir os secuestradores dos seus fillos e os delitos que se agochan tras este secuestro conduciron os nosos lectores até un desenlace, que os deixou expectantes.

"Bottle"


Unha historia de amor imposible.

Comentamos "A asasina"

"A matanza dos inocentes"
(Catedral de Mondoñedo)
"Pero, pregúntovos teñen que nacer realmente tantas nenas? E se nacen, paga a pena crialas? Non é certo, dicía Frangoianis, que "Onde hai morte, non hai mala sorte?""

Esta é unha das frases que aparecen na novela A asasina de Alexandro Papadiamandis, na que a través do narratario e coas palabras literais da súa protagonista, Khadula, se expoñen os móbiles que levan a esta muller a cometer varios infanticidios femininos.

Movémonos nun  privilexiado espazo, a  pequena illa grega de Skiatos, nun tempo moi mísero durante o século XIX, onde a condición feminina está ligada fundamentalmente ó dote, que empobrece aínda máis as míseras familias. A emigración, o alcolismo e  a violencia aparecen reflectidos nos personaxes masculinos e o dote, o aborto, o remorso e a expiación da culpa serán os temas que van debullando as personaxes femininas, representadas por Khadula.

Como contrapunto traemos aquí a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, feminista ferrolá que no ano 1933 asasina a súa filla Hildegart





"A miña filla Hildegart" é  unha película dirixda por Fernando Fernán Gómez, baseada nesta asasina galega.

"French Roast"



O personaxe da nosa curta da fin de semana ten problemas para pagar a conta na  cafetería. Se tes uns minutiños divertiraste coas aventuras que lle ocorreran ó protagonista desta animación. 

Se precisas máis información: http://www.frenchroast.fr/fyc.html

"Tanis I, o Mocos"


"O día do nacemento do prícipe Estanislao sería lembrado para sempre con letras destacadas nos anais do antigo e poderoso reino de Sofrovia debido á potencia dos berros que emitiu en canto viu a primeira luz. Era só o anticipo da xuvventude intensa, apaixonada e rebelde do que anos despois acabaría sendo o rei Tanis I, o Mocos" 

Así comeza Estanislao, príncipe de Sofrovia de Manuel Lourenzo González. Con este libro coménzanse as aventuras deste personaxe que máis tarde se convertirá no rei Tanis I, o Mocos

O noso grupo do Club de 1º da ESO iniciará a súa andaina como clubeiros coa lectura  desta obra.  Achegarémonos a este singular personaxe e a súa irreverente personalidade.

Hoxe principiamos con "Ouro Negro"

 
Hoxe comezamos a lectura de Ouro Negro co grupo de 2º da ESO. Este libro ofrécenos a posibilidade de seguir a desfrutar das aventuras da inspectora Nola e  o seu axudante, o can Lolo, que tanto nos cativaron o ano pasado na súa primeira entrega, Mortos de Ningures.

Esperamos contar coa visita dun dos seus autores, e xa que o ano pasado tivemos con nós a Pere Tobaruela, este ano a nosa idea é invitar a Ledicia Costas para que os nosos clubeiros poidan compartir unha xuntanza con ela.

Non nos esquecemos tampouco do moito que nos gustan as ilustracións de Andrés Meixide, que acompañan este coma o anterior libro da nosa querida inspectora.

"Ana e Bruno"

Mañá comezamos "A asasina"

   Mañá comezamos as xuntanzas do club co noso grupo pioneiro, o noso alumnado lector que hoxe está 1º de bacharelato. O libro escollido para este trimestre é unha tradución dun autor grego, ALEXANDROS PAPADIAMANDIS, da editorial Hugin e Munin
  
   O nacemento desta editorial é tamén unha moi boa noticia para a nosa lingua, porque se suma ás xa existentes para poder ofrecernos a oferta en traducións que precisamos, a día de hoxe, nunha lingua, que aínda sendo minoritaria, non quere perder o seu lugar no mundo. 
   
A novela introdúcenos nun tema tan espiñento como é o do asasinato. Tentaremos na nosa primeira reunión analizar un pouco esta temática desde a perspectiva que nos propón o autor, é dicir, desde dentro, ó tratarse dunha novela psicolóxica e non dunha novela negra como puidera pensarse inicialmente se nos fiásemos só do seu título. 
    
Daquela a nosa proposta para a xuntanza de mañá será visionar o documental : "El juego de la muerte" para tratar de achegarnos cunhas primeiras pinceladas a este tema.

OINK!, a revista do Xabarín Club.


Temos que celebrar que este setembro acaba de nacer OINK!, a revista do Xabarín Club. Aquí nos explican en que consiste este proxecto, que desexamos ter xa nas mans, canto antes, na nosa biblioteca.

Kiko da Silva, un dos seus autores, prométenos novas aventuras de Fiz, o neno máis porco do mundo, nas súas páxinas e unha sección titulada Aprende a debuxar Cómics con Fiz. 

"O meu amigo o robot"


Seguimos coas curtas francesas para tentar despreguizarnos e iniciar o curso con ánimos renovados.

"Os difuntos falaban castelao"




Curtametraxe baseada nun conto d'Á lus do candil de Ánxel Fole.

"O principiño" en 4D



Aínda non tendo moi claro que é iso da cuarta dimensión, creo que nalgún momento algún aventaxado profesor de matemáticas mo tentou explicar, déixovos aquí unha achega máis ó fabuloso libro de Saint Exupéry, que morreu tal día coma onte hai 69 anos.

O boneco de MICHELÍN.


O boneco de Michelín é unha das imaxes icónicas do mundo da publicidade máis antigas. Naceu en 1897 das mans do ilustrador Marius Rossillon coñecido por O'Galop.

 

Winer Oscar LOGORAMA


Fabulosa curta de animación na que se recrea, dun xeito crítico, o abusivo mundo de logos que nos rodea.

A banda sonora de "Baixo a sombra das pedras flotantes"


Esta é a banda sonora para a próxima banda deseñada de Kiko Da Silva "Baixo a sombra das pedras flotantes". O tema fomará parte do próximo proxecto/CD de Roger Subirana "XII". 

Webserie: "Conversas con Cunqueiro"





Este é o capítulo piloto da webserie "Conversas con Cunqueiro". Titúlase "Segredos" e estreouse o pasado mes de xuño. Realizado por Porco Bravú e Vodoo Creatives. Nel o protagonista conversa coa estatua de Álvaro Cunqueiro na Praza do Humor da Coruña. 

 "Se todos souberamos a verdade de todo seriamos libres"

"Os meniños macabros"



Agora que xa estamos de vacacións podemos saborear xoias coma esta:

The Gashlycrumb Tinies de Edward St. John Gorey é  un abecedario no que cada letra corresponde á morte dun neno. O tema musical "Insomnia" está composto e interpretado por Jaime Heras. 

Para seguir indagando fai clic aquí.

"Todo é silencio" e "A lingua das bolboretas". O NOSO PECHE.

MAKING OF

A película Todo é silencio, baseada na novela homónima de Manuel Rivas, pon fin ás nosas actividades do club de lectura deste ano. O grupo de 2º da ESO está a vela  tras a lectura dalgúns anacos da novela.

TRÁILER.

O director deste filme, José Luis Cuerda, dirixe tamén A lingua das bolboretas,  baseada ó igual ca anterior nunha obra do noso escritor galego. Esta é a outra película escollida para rematar o curso co grupo de 1º da ESO. Neste filme podemos ver a interpretación de Roberto Vidal Bolaño no papel do alcalde. E tamén participa nestes filmes o actor Manuel Oliveira, Pico, recentemente falecido.

O MALTRATO "SUTIL"




"O  maltrato sutil" é un conto que trata o tema de como a propia sociedade xera unha falta de autoestima na muller que facilita o maltrato.

"La dijeron..."


VISITAMOS A ANTONIO REIGOSA EN LUGO


O pasado día 23 de maio visitamos a cidade de Lugo para encontrármonos co escritor Antonio Reigosa, do cal o noso grupo de 1º de ESO leu: "Lu e Go pola muralla". 



A nosa guía, Ana Corredoira, recibiunos na Estatua dos Fundadores, na praza Maior, e a continuación iniciamos o noso particular roteiro pola muralla, seguindo os pasos dos personaxes da novela, aínda que o noso periplo foi en sentido inverso ó realizado polo gato e o rato protagonistas da nosa historia. Subimos ó adarve polas escaleiras de Campo Castelo e achegámonos ata a Porta Miñá, para baixar pola rampla fronte á catedral. A seguir, Antonio Reigosa departiu connosco na praza da Soidade, por el soubemos que Lu e Go están perfectamente recuperados despois do seu paso polo sanatorio, polo tanto calquera día podemos atopalos de novo en Lugo.  Finalmente visitamos  o Centro de Interpretación da Muralla e a Casa dos Mosaicos.


A cidade de Lugo achéganos un amplo abano de estatuas dedicadas ós nosos escritores, pasear pola cidade é unha pequena clase de literatura. Fotografiarnos coa estatua de Ánxel Fole ou co poema "Verao"de Luís Pimentel   incrustado nun tronco dunha árbore da praza Maior foi unha festa para todos nós.

"Vicent" en galego



Aplaudimos esta iniciativa do club de lectura As catro esquinas do quinto do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense) de dobrar esta curta de Tim Burton ó galego. Trátase dunha das nosas curtas preferidas, que xa comentamos nos nosas sesións porque serve para exemplificar moi ben as inevitables relacións da literatura e o cine que tanto nos gustan. E agora ademais poderemos desfrutala en galego.

Esta curta recrea as influencias  que a literatura de Edgard Allan Poe ten na vida do protagonista da historia, Vicent Malloy. Este preséntasenos como un seguidor afervoado das historias terroríficas do grande escritor inglés ata o punto de sufrir unha quixotización de non distinguir ben a fantasía da realidade