O pasado día 23 de maio visitamos a cidade de Lugo para encontrármonos co escritor Antonio Reigosa, do cal o noso grupo de 1º de ESO leu: "Lu e Go pola muralla".
A nosa guía, Ana Corredoira, recibiunos na Estatua dos Fundadores, na praza Maior, e a continuación iniciamos o noso particular roteiro pola muralla, seguindo os pasos dos personaxes da novela, aínda que o noso periplo foi en sentido inverso ó realizado polo gato e o rato protagonistas da nosa historia. Subimos ó adarve polas escaleiras de Campo Castelo e achegámonos ata a Porta Miñá, para baixar pola rampla fronte á catedral. A seguir, Antonio Reigosa departiu connosco na praza da Soidade, por el soubemos que Lu e Go están perfectamente recuperados despois do seu paso polo sanatorio, polo tanto calquera día podemos atopalos de novo en Lugo. Finalmente visitamos o Centro de Interpretación da Muralla e a Casa dos Mosaicos.
A cidade de Lugo achéganos un amplo abano de estatuas dedicadas ós nosos escritores, pasear pola cidade é unha pequena clase de literatura. Fotografiarnos coa estatua de Ánxel Fole ou co poema "Verao"de Luís Pimentel incrustado nun tronco dunha árbore da praza Maior foi unha festa para todos nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario