Estamos a ler: "Lu e Go pola muralla"
O grupo de 1º da ESO está a ler Lu e Go pola muralla.
O seu autor Antonio Reigosa achéganos a través dos seus protagonistas LU (un gato) e GO (un rato), unha historia que se desenvolve na muralla de Lugo.
Hai neste relato unha morea de protagonistas secundarios, moitos deles personaxes reais, como os escritores: Álvaro Cunqueiro, Paco Martín, Isidro Novo, Xosé Miranda. E outros tantos ficticios, tirados da nosa tradición literaria infantil ou popular, como: Ramón Lamote, María Castaña.
DÍA INTERNACIONAL DA INTERNET SEGURA
Hoxe o ó Día Internacional da Internet Segura e o lema deste ano é: "Conéctate e respecta"
MARY SHELLEY en "Remando al viento"
Caricatura de Luis Armas
O grupo de 4º da ESO está a ler Frankenstein ou o moderno Prometeo, a célebre obra da escritora inglesa Mary Shelley.
Nunha primeira sesión achegarémonos á xestación da novela que tan ben recrea a película,"Remando al viento", do director e escritor español Gonzalo Suárez.
Comentamos "Mortos de Ningures"
O pasado xoves tivemos a xuntanza do club co grupo de 1º da ESO para comentarmos a lectura de "Mortos de Ningures". Case non nos chegaron as dúas horas para tanto que tiñamos que falar. Os clubeiros quedaron encantados con esta novela negra ou policial xuvenil.
Repasamos todos os puntos comúns deste tipo de novelas. Os personaxes necesarios: a investigadora Nola e o seu sagaz axudante, o gato Lolo, xunto co contrapunto necesario do Comisario. Os crimes: os asasinatos de ningurenses. As pistas para a resolución do caso: o sangue verde. E, finalmente, o autor ou autores dos crimes e as súas motivacións.
Os rapaces valoraron moi positivamente a achega das ilustracións de Andrés Meixide e analizamos as distintas perspectivas que adoptou o ilustrador nos debuxos.
Tamén, comentamos a importancia do espazo na historia. Todures, Ningures e Algures non son simples topónimos escollidos ó chou, senón que agochan o tema principal da historia. Non todas as vidas teñen o mesmo valor, e, neste caso, as dos ningurenses valen menos.
Os rapaces valoraron moi positivamente a achega das ilustracións de Andrés Meixide e analizamos as distintas perspectivas que adoptou o ilustrador nos debuxos.
"Nós tamén creamos!"
O Xabarín Club abre mañá a súa emisión coas tres curtametraxes gañadoras do concurso “Nós tamén creamos!”, edición 2012. Estade atentos á tvG2 para desfrutar con "A tartaruga que quería durmir", do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños – A Coruña); "Loboferoz", do CPI Santa Lucía(Moraña– Pontevedra); e con "A máscara do león", do CEIP Felipe de Castro (Noia – A Coruña).
Recitando Celso Emilio
Algúns dos integrantes do grupo de 1º da ESO do noso club de lectura (Isabel, Laura, e os Ramóns) participaron o 12/12/12 ás 12.00 h. no recitado do poema "Deitado frente ao mar" organizado pola Coordinadora Galega de EDNL dentros dos actos de homenaxe do centenario do aniversario do nacemento do noso poeta Celso Emilio Ferreiro. Un total de 200 centros e uns 30.000 alumnos participaron nesta actividade colectiva, á que tamén se sumaron ANPAS, asociacións, concellos, universidades, bibliotecas municipais, servizos de normalización, grupos de Erasmus no exterior, etc.
Visita de Ramón Caride e Manuel Busto
O pasado día 29 de novembro estiveron no noso club o escritor, Ramón Caride, e o ilustrador, Manuel Busto. O motivo que os uniu nesta visita é o libro Exogamia 0.3. Unha obra que dá para tratar moitos temas, todos eles de grande actualidade. Nestes relatos inspirados en novas do xornal, repasamos moitos dos problemas da nosa sociedade actual pasados pola peneira, nas máis das ocasións, da ciencia ficción, que serve para proxectar cara o futuro as nosas peores contradicións. Destes temas charlamos co seu autor Ramón Caride e puidemos ver as ilustracións a cor que realizou Manuel Busto para o libro. Ambos os dous concordaban en que as ilustracións enriquecían ós relatos. De aí que conseguiron que Xerais as introducise na súa colección Fóra de xogo. O mestre de cerimonias deste encontro foi o pintor e profesor-colaborador do club, Eduardo Baamonde.
PRESENTACIÓN "Exogamia 0.3"
Así mesmo, tivemos a primicia de ler o primeiro relato, "Tan lonxe, tan perto", do seu novo libro Endogamia 0.2, gozar coas ilustracións, que tamén realizou Manuel Busto, e debater o tema da discriminación feminina nun club onde as integrantes son maioritariamente rapazas. Adiantounos que concibiu estes libros como unha triloxía, e que o último sería Sengamia 0.1.
Para finalizar, agradecemos esta visita coa lectura por parte dos integrantes do noso club de cadanseu poema de Ramón Caride da súa obra A chuvia humana.
Shin Chan fala galego
Os nosos rapaces creceron escoitando a Shin Chan falar galego, ninguén cuestiona que foi un dos mellores axentes normalizadores da nosa lingua. De aí que: "Falo galego por que quero!! chascarrachascarraschas!!" é unha frase que temos que repetir nos tempos que corren.
Paulicéia CANTA, TY-ETÊ!
paulicéia CANTA, TY-ETÊ! from Céu D´Ellia on Vimeo.
Esta curta é de NUPA. Unha produtora-escola pública e gratuíta de San Paulo.Ty-etê significa, en tupí, Auga Real ou Verdadeira. Trátase do principal río de San Paulo. Máis información aquí.
Primeira xuntanza do grupo do club de 1º da ESO.
Estes son os integrantes do noso novo grupo do club de 1º da ESO na súa primeira xuntanza do 8 de outubro. Comezamos coas presentancións e coa exposición das razóns que nos trouxeron ata aquí. Para todos é a súa primeira vez. As razóns son moi variadas: a maioría coinciden en que lles gusta ler, pero tamén están aquí para poder realizar outras actividades en torno á lectura, compartila cos amigos e de paso se se pode saír de excursión, iso xa será unha viaxe máis dentro das moitas que faremos a través das historias que imos ler.
A seguir, fixemos unha listaxe das súas lecturas favoritas, entre elas, aparecen: Dúas lágrimas por Máquina, O principiño, Caperucita en Manhattan, a colección de Tea e Gerónimo Stilton, Trece anos de Branca, Los juegos del hambre, Nina, la chica de la sexta luna. Tamén, coinciden case todos en que os ingredientes que debe ter un libro para que lles guste son: misterio, fantasía, medo, aventuras, humor e un pouco de amor.
Nesta primeira xuntanza logo das presentacións, comezamos coa lectura de Mortos de ningures, despois do visionado do book-trailer.
"A caída da Casa Usher"
A caída da Casa Usher é unha curta, que está preseleccionada para os ÓSCAR deste ano. Esta obra recrea un conto de Edgar Allan Poe. O seu director é Raúl García, este madrileño, residente nos EEUU, ten xa unha carreira con abondosos premios. Explica que realizou esta curta tras o éxito d'O corazón delator, que foi a primeira obra na que adaptou un conto de Poe.
"O neno do pixama a raias"
Este vídeo da dobraxe do tráiler do filme O neno do pixama a raias, baseado no best-seller do John Boyne é un traballo realizado polos alumnos de 1º ESO do IES Leliadoura (Ribeira), dentro dunha actividade levada a cabo polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística.
Achegamos tamén a entrevista do escritor PRIMO LEVI, na que relata a súa experiencia no campo de concentración no que se desenvolve a acción desta novela, o texto da cal podemos ler aquí,
"O xigante"
Esta curta galega competirá na sección oficial do Festival de Cine Español de Málaga. O XIGANTE simboliza o corazón de todos os pais, que a través da súa mirada revelan o mundo ós seus fillos, axundándolles a construír o seu universo, a iniciar os seus carreiros na vida e o máis importante: deixándoos encamiñarse por eles.
"Exogamia 0.3"
Hai catro anos que Ramón Caride estivo no noso instituto realizando un obradoiro literario de narrativa, no que propoñía ó alumnado a elaboración dun relato a partir dunha nova do xornal, que trataba duns comprimidos que servirían para esquecer aqueles acontecementos das nosas vidas que nos causasen dor.
Este ano o grupo de 4º da ESO, está a ler Exogamia 0.3, este é un libro de relatos, entre os cales se atopa "Mnemotécnica", no que trata, precisamente, sobre esas pílulas milagreiras das que falabamos antes. Na próxima xuntanza esperamos contar coa súa presenza para que nos comente máis pormenores sobre este libro.
"La luna"
Nesta fermosa curta de Pixar atoparemos claras influencias literarias, como declarou o seu director, Enrico Casarosa. Non é difícil percibir as pegadas d'O principiño de Saint-Exupéry nesta obra, como declara o seu autor nunha entrevista.
Eduardo Baamonde viaxa connosco
A editorial Kalandraka vén de publicar as fermosas acuarelas de Cambados do noso compañeiro e profesor colaborador, Eduardo Baamonde. Aquí podedes enlazar coa nova que publica o Faro de Vigo sobre esta obra.
Agasallámosvos, tamén, con outra mostra das súa obra na nosa ruta pola illa de San Simón. Esta espléndida escaleira que puido levar a amiga da cantiga de Mendiño á espera do seu amado, pero que tamén conduciu a moitas persoas cara a máis absoluta desesperación.
Etiquetas:
acuarela,
Eduardo Baamonde,
LIBROS,
pintura,
RUTAS LITERARIAS
"O APÓSTOLO"
Narra unha escura historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago na que se mestura o suspense, o humor e a fantasía a partes iguais. O protagonista, un preso que acaba de fugarse do cárcere, verase envolto en inquietantes e estraños sucesos ó intentar recuperar un botín que se escondera anos atrás nuha perdida aldea desta ruta. Sinistros anciáns, estrañas deaparicións, un cura senlleiro e ata o o mesmísimo alcipreste de Santiago conflúen nunha trama salferida de misterio e intriga que levara ó protagonista a enfrontarse a unha condena maior da que conseguira escapar.
"Argine"
Mañá día 24 de outubro é o día dedicado á biblioteca escolar, achegamos esta preciosa curta para celebrar esta data.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)








