O pasado día 29 de novembro estiveron no noso club o escritor, Ramón Caride, e o ilustrador, Manuel Busto. O motivo que os uniu nesta visita é o libro Exogamia 0.3. Unha obra que dá para tratar moitos temas, todos eles de grande actualidade. Nestes relatos inspirados en novas do xornal, repasamos moitos dos problemas da nosa sociedade actual pasados pola peneira, nas máis das ocasións, da ciencia ficción, que serve para proxectar cara o futuro as nosas peores contradicións. Destes temas charlamos co seu autor Ramón Caride e puidemos ver as ilustracións a cor que realizou Manuel Busto para o libro. Ambos os dous concordaban en que as ilustracións enriquecían ós relatos. De aí que conseguiron que Xerais as introducise na súa colección Fóra de xogo. O mestre de cerimonias deste encontro foi o pintor e profesor-colaborador do club, Eduardo Baamonde.
PRESENTACIÓN "Exogamia 0.3"
Así mesmo, tivemos a primicia de ler o primeiro relato, "Tan lonxe, tan perto", do seu novo libro Endogamia 0.2, gozar coas ilustracións, que tamén realizou Manuel Busto, e debater o tema da discriminación feminina nun club onde as integrantes son maioritariamente rapazas. Adiantounos que concibiu estes libros como unha triloxía, e que o último sería Sengamia 0.1.
Para finalizar, agradecemos esta visita coa lectura por parte dos integrantes do noso club de cadanseu poema de Ramón Caride da súa obra A chuvia humana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario