Máis d' "O pintor do sombreiro de malvas"



Achegamos novos recursos para traballar O pintor do sombreiro de malvas

Desde o blog "Trafegando ronseis": 24/02/10 "Crónica dunha viaxe.
Polo Antroido viaxamos cara as terras de Val d’Oise, departamento próximo a París que acolle un conxunto de paisaxes naturais.(...)

Nun dos días de andaina, o noso anfitrión levounos a unha vila chamada Auvers-sur-Oise, onde se atopa un fermoso castelo, a casa do doutor Gachet e, alén doutras moradas, o museo do asente, licor preferido dos artistas de finais de século XIX (feito a partir dun preparado de plantas entre as que se atopa a Artemisa absinthium), utilizado tamén con fins terapéuticos e que daría para outra historia distinta a que refiro.

A vila de Auvers-sur-Oise é famosa por acoller no camposanto as tumbas dos irmáns Vincent e Théo van Gogh. Auvers-sur-Oise foi un dos lugares favoritos de numerosos artistas como Cézanne, Pisarro, Sisley, Monet e o devandito Vincent van Goth, seica seducidos polo carácter rústico e pintoresco da vila…

A min chamoume a atención todo canto escribo, e ver como na praza de “la Mairie” (do Concello), ao mediodía, un home de voz forte e profunda, le crieur public (que eu traduzo como “berrón público”), sobre un caixón, contaba historias de amor, denuncias, venda de obxectos, chistes, poemas… Escoitabamos aquel home na compaña de moitas máis persoas, algúns foráneos coma nós, outros, os máis, veciños e veciñas da vila; e a cada intre aplaudiamos o recitar dos textos…

Logo de facer parada nun café, chamado “Sous le Porche”, descubrín de certo a historia: desde hai tres anos, cada domingo ao mediodía, na praza do concello de Auvers-sur-Oise, le crieur public grita as mensaxes e anuncios que os veciños da vila redactan nas follas que se atopan a disposición do público no citado café e que deben depositar con antelación nunha caixa azul situada á porta do mesmo, polo módico prezo de 1€ cada mensaxe. Seica as de amor son gratuítas, pois como aseguran nos folletos explicativos: “as mensaxes de amor non teñen prezo”.

Pensei na Galiza, nas prazas dos concellos das nosas vilas, en que ben poderiamos nomear un crieur public para cada unha delas, e aos domingos ao mediodía, todos os domingos do ano, berrar sen desmaio poemas de amor pola nosa terra, protestas contra dos que queren que sexamos plurilingües e reneguemos da nosa lingua, anuncios de cousas alegres, denuncias dos parlamentarios que se apropian do indebido e din que son disfuncións, contos do pasado e do presente… E todos poderiamos escribir de vez en cando algunha historia para contar e todos iriamos a escoitar ao crieur public ao mediodía dos domingos, e sería o lugar e a hora de conversa dos veciños, tan escasa nos tempos que están a correr… e quen sabe?... Se cadra este sería o xeito de sermos máis nós."

Desde o IES de Poio e o seu Club "Os trasnos dos libros":


1 comentario:

  1. Así me gusta, a compartir o traballo que xa temos abondo, ánimoooo.

    ResponderEliminar