Viaxe á illa de San Simón e ás Salinas do Ulló.


Non atopamos mellor forma de iniciar as nosas actividades do club que repasar o álbum de fotos da nosa viaxe á illa de San Simón. De seguro que non esqueceremos a ruta pola que transcorre un capítulo de Vinte mil leguas de viaxe submarina, a historia que hai mergullada nesas augas, o encontro coa capela da cantiga de Mendiño, ou a procura do anel que o protagonista de Noite de voraces sombras deixou agochado nos muros do cemiterio para a súa amada.

 
E na procura de historias continuamos a nosa ruta polas Salinas do Ulló, baixo a vixiante mirada das illas Alvedosas, e internándonos nunha Selva de Esmelle particular para chegar a Santa Cristina de Cobres, onde rematou o noso itinerario. Non exento de atrancos ortográficos e pintadas como a da canción de Sabina "No hay nostalgia peor que añorar lo que nunca jamás sucedió"


Achegamos, tamén, aquí o traballo realizado polo noso compañeiro pintor, Eduardo Baamonde, durante o roteiro.

"Mortos de ningures"



Con este book-trailer dos Mortos de ningures imos abrindo boca na programación das lecturas dos nosos grupos de club de lectura. Trátase dunha novela escrita a dúas mans por Ledicia Costas e Pere Tobaruela, que acaba de ser nominada finalista no Premio Literario Frei Martín Sarmiento, na categoría de 1º e 2º da ESO.

"O cinematógrafo"



The Kinematograph [SUB/ESPAÑOL] from Estudio Crayon on Vimeo.

Esta curta polaca está inspirada no cómic homónimo de Mateusz Skutnik. Conta a historia dun inventor, Francis, que persegue e realiza o seu soño, pero no camiño esquece o máis importante, a súa vida persoal.

O cinematógrafo foi unha das curtas que se proxectaron este ano no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

FRANKENWEENIE




Esta película está baseada nunha curtametraxe, que vimos no noso club o ano pasado, realizada polo propio Tim Burton en 1984. Trata do experimento científico que fai o seu protagonista, Víctor, para tentar resucitar o seu querido can Sparky. A raíz disto verase obrigado a afrontar terribles situacións con consecuencias insospeitadas.

Coca, dragón

Continuamos a nosa procura de dragóns en Galicia na preparación da nosa saída didáctica deste ano. De aí que teñamos que falar da Coca de Redondela, o dragón lendario máis famoso que temos. 

A palabra Coca deriva do latín COCATRIX (crocodilo) e dá nome a este dragrón, que  posúe unha celebración no concello de Redondela na altura das festas do Corpus. 

Esta é unha tradición que tamén se celebra alén Miño en Monçao.

A nosa visita será entón a Redondela e culminará na illa de San Simón



Alí atoparémonos co Xulio Verne e teremos que tratar Vinte mil leguas baixo dos mares

V XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA



As V Xornadas dos Clubs de Lectura deste ano engadiron unha importante achega coa participación dos rapaces. Deste xeito os integrantes dos distintos clubs dos nosos centros convertéronse nos verdadeiros protagonistas destas V Xornadas celebradas o pasado sábado. A frescura que supuxo escoitar directamente deles as súas experiencias competiu cos relatorios dos persoeiros que nos acompañaban: Eliacer Cansino,Inés Miret e Víctor Freixanes .

Os nosos clubeiros participaron no obradoiro de cómic, impartido por Jacobo Fernández Serrano, e no de regueifas da man de Pinto de Herbón e Luís "O Caruncho". Ademais aproveitaron esta oportunidade para coñecer e compartir as súas experiencias con  rapaces doutros clubs.



"Dragal. A herdanza do dragón"

"Bestiario" de Luís Seoane

Co grupo de 3º da ESO estamos a ler Dragal. A herdanza do dragón de Elena Gallego Abad. Na procura de dragóns en Galicia atopamos referencias no famoso Códice calixtino e na bandeira do antigo reino suevo tamén ondeaba un dragón rampante ó carón dun león.


Lemos "O cobertor de estrelas"



Co noso grupo de 2º seguimos na liña das lecturas que tratan a realidade social dos nenos máis desfavorecidos. Esta vez, atopámonos cos meninos que pululan polas rúas brasileiras da man do escritor Ricardo Lísias.

"Palabras de caramelo"


Con esta lectura, sinxela á vez que profunda, o noso Club de 2º da ESO aproximouse á realidade do pobo saharauí e da man dela chegou a historia real de Jade, que nos contou Iris Silva Camiña, a nosa integrante do club.

"Jade é unha rapaza que veu do Sáhara a pasar os veráns na miña casa durante tres anos seguidos. A primeira vez que pasou o verán con nosoutros tiña 13 anos e parecía asustada. Tardou un pouco en adaptarse a España e á nosa familia. 

Ela é morena de pelo liso e longa melena. Os seus ollos son marróns e moi grandes cunhas longas pestanas. É bastante alta e moi delgada. Gústalle a nosa comida e, en especial, as hamburguesas. 

As cousas que máis a  impresionaron de toda a casa foron: a billa, a tele, o ordenador e as máquinas de videoxogos. Contounos que vivía nun campamento con  37 familias. Ten tres irmáns: o maior ten 19 anos e chámase Kenseyk, as dúas irmás pequenas teñen sete e cinco anos. A maior é a que vai vir para o ano, chámase Mahudaa e a pequena Shila.

Cando Jade veu viña moi descoidada. Aquí levámola ó centro médico e ó dentista, este púxolle aparatos nos dentes.

O último ano que nos visitou estaba moi triste porque  ía casar. Aquí pareceunos raro que unha nena de 15 anos fose casar tan nova. Xa levaba comprometida desde os 11 anos.

Agora Jade ten 17 anos. Seguimos mantendo contacto con ela e mandámoslle diñeiro para manter  os seus fillos. Para min foi como unha irmá maior."




Palabras de Caramelo" obra Pasai San Pedron

O RAP DO LIBRO



Rap do libro elaborado pola Biblioteca escolar do CEIP Barrié de la Maza-Santa Comba (A Coruña) para  o Día do Libro do ano 2010. Cantado por JHARECK (IAGO REY). VOCES CONTADORA DE SOÑOS, ANGELA, CARLOS, MARTIN, SONIA E MARIA.

Feliz aniversario XABARÍN!


Hoxe o Xabarín Club está de aniversario. Celebramos a súa maioría de idade, ten os mesmos anos que o noso alumnado de 2º de BACH. Creceron vendo as súas series e escoitando as súas músicas. A achega que supuxo a emisión deste programa para a normalización da nosa lingua en Galicia é moi superior á de moitas outras iniciativas. Daquela hoxe é o día de felicitalo a el e a todos aqueles que o fixeron posible

"Manolito ten un segredo"

Esta é a nosa nova lectura do club de 2º da ESO. Con ela están a rir moito porque conectan perfectamente co personaxe de Manolito, xa coñecido para eles doutras lecturas e da adaptación cinematográfica.

Rematamos a lectura de "Mundo Arb"

A ilustración da portada é de Jacobo Fernández Serrano.
O grupo do club de lectura de 2º da ESO rematou a lectura Mundo Arb. Esta obra de Manuel Lourenzo González supúxolles unha viaxe cara ó descoñecido e cara ó coñecemento asemade.



Os habitantes desta grande árbore, que constitúe Mundo Arb, preséntansenos como perfectamente inseridos no seu medio natural arborense no primeiro capítulo. Así aparecen ante nós os veciños de Uñagará: Elía de Uñagará, o ferreiro; dona Luzai, a mestra; Xesó Marpai, o panadeiro; Giuliano, o libreiro; don Rug, o sanitario; Xearo Crus, o poeta; dona Ulinda, a florista; Saimón o Xordo, o taberneiro; entre outros moitos. Nas breves pinceladas que describen todos estes personaxes ecoan as mellores semblazas cunqueirianas. Todos eles son arborenses dun territorio definido polos límites xeográficos da grande árbore, dividida nas súas pólas: Póla Revirada, Póla Fungueira, Póla Cumieria ó redor do Groso Coumón Ergueito e estratificada en Medarb, Surlestarb e Terra Baixo Arb. Este mundo está rodeado dunha mesta vexetación que dá paso ós máis variopintos topónimos: Ritordáns, Oureal, Leiroá, Olmainsí, Presep, Traquebrás, Dailca e moitos máis.


Serán tres personaxes adolescentes os que inicien a viaxe prohibida: Clar, Aroi e Hilda. O seu destino final é Terra Abaixo Arb. A súa existencia é un misterio.



Moebius


Os nosos protagonistas gozan de habilidades especiais como a de ser nadadores do aire, algúns con título da Academia de Nadadores do Aire, ou a posibilidade da transmentación para comunicárense entre eles.

A fauna que os rodea funciona, nuns momentos, como aliada,  é o caso das golulas minsai, aves que lles permiten o transporte aéreo. Mentres que noutros intres, preséntase como un perigo que hai que sortear, grandes aves de rapina, que aparecen cando se alonxan da enramada arbórea que os protexe.

A viaxe, que é o elo que os une, permítelles coñecer novos mundos e, asemade, autocoñecerse. Exploran os seus propios límites ó mesmo tempo que os do mundo que os rodea, sorteando todo tipo de perigos. O personaxe masculino, Aroi, preséntase como líder entre as dúas personaxes femininas, Clar e Hilda. A súa identidade non se nos revela ata o final. As rapazas asumen o protagonismo cando é preciso, sobre todo Clar, que comeza a viaxe en solitario e é capaz de continuala pese a perder os seus acompañantes.


En definitiva, Mundo Arb é un canto ecolóxico á importancia de todos e cada un dos elementos que conforman o cosmos por insignificantes que nos parezan.

"Luna"



Luna - A Short Film from Rainmaker Entertainment on Vimeo.



"Luna " é unha pequena historia sobre o enganosa que pode ser a atracción e o amor non correspondido. Producida e escrita por Catherine Winder.

"Apaixonados"










Narración da historia de Rébecca Dautremer: Apaixonados.
Traballo realizado em PhotoStory para o Curso de Pós-graduação Gestão de Bibliotecas Escolares - ISLA de Leiria



Temos aquí un bo exemplo para achegarnos ós bonitos álbums ilustrados que nos ofrece o mercado editorial a través do portugués, xa que non podemos facelo a través do galego.

San Valentín 2012



Doodle animado de Google, con motivo do día de San Valentín 2012.

"Os fantásticos libros voadores do Sr. Morris Lessmore"





Curtametraxe de animación que, baixo o título orixinal "The Fantastic Flying Books of Mr. Morris Lessmore" de William Joyce e Brandon Oldenburg, está nominada ó Óscar deste ano.

"Marie Antonietta"





O noso club de 3º da ESO, na súa xuntanza de xaneiro, estivo a ver a película María Antonieta de Sofía Coppola para familiarizarse co contexto histórico que encontrarán na súa seguinte lectura: "O enfermo imaxinario"

"Alma"









Alma from Rodrigo Blaas on Vimeo.


Esta curta foi escrita e dirixida por Rodrigo Blaas. Este granadino traballa en Pixar desde o 2002 e participou en películas como Buscando a Nemo, Cars, Os incribles, Wall-e e UP.

"O achado do castro"

Un verdadeiro achado foi para os integrantes do noso grupo de 3º da ESO a peza teatral "O achado do castro" de Manuel Núñez Singala. A lectura dramatizada da obra fixo que os nosos clubeir@s escachasen coa risa. Para que logo digan que ler non é divertido.

Esperamos seguir a saborear o humor desta primeira xuntanza na seguinte.